CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Sr. Jingles actuará este sábado, 24 de agosto, en Monforte de Lemos

A banda liderada polo barquense Ramiro Núñez, e David Prado, darán un concerto na praza de España a partir das 22:30h.

Sr. Jingles, banda liderada polo barquense Ramiro Núñez.

 

Sr. Jingles, banda liderada polo cantante, músico e compositor barquense Ramiro Núñez, forma parte da programación do verán cultural de Monforte de Lemos que ten programadas tres actuacións destacadas para amenizar as noites nesta fin de semana: a proxección ao aire libre do filme Campeones, o venres; o concerto de David Prado e Sr. Jingles, o sábado; e o concerto da Banda de Música de Sober, o domingo.

“Actitude, compromiso e rock&roll” son palabras que definen perfectamente a Sr. Jingles. Trátase dunha banda con influencias de figuras nacionais do rock clásico como Carlos Tarque, M-Clan ou da escea indie como Vetusta Morla, que “dispara un rock contundente, cheo de enerxía, con bos riffs de guitarra e letras cargadas de significado”, aseguran dende o Concello de Monforte. O seu álbume de debut El Grito Wilhelm é unha alegoría da protesta e da denuncia social, unha “chamada á cordura” expresada en 12 cancións onde o autor, Ramiro Núñez, fala de temas cruciais para a sociedade: a guerra, a violencia de xénero, as drogas, a política, o cine,… O seu primeiro single Fénix soou xa nos 40 Principales de Vigo e en Onda Cero Lugo e de novo volverá soar, desta volta na noite monfortina.

A dobre actuación de David Prado (artista lucense que presenta o seu último traballo, El viaje perfecto) e Sr. Jingles será na praza de España, o sábado 24 de agosto, a partir das 22:30h.

Artigos relacionados

Back to top button