ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Suben lixeiramente as infraccións penais no Barco

O dato dábase a coñecer tras a Xunta Local de Seguridade que se celebraba neste concello na mañá do 6 de marzo e na que tamén se avaliaba o Plan Local de Seguridade

Ao longo do 2017 o municipio do Barco rexistraba un lixeiro repunte nas súas cifras de infraccións penais con respecto ás estatísticas do ano 2016, “un crecemento que se corresponde cunha maior eficacia policial na resolución dos casos”, segundo a Subdelegación do Goberno en Ourense. Era un dos datos que se valoraba na Xunta Local de Seguridade do Barco, que se celebraba na mañá do 6 de marzo neste concello valdeorrés. Estaba co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e polo alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, e nela tamén participaban membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Os informes en materia de seguridade cidadá do 2017 que se expoñían no encontro tamén indican que se acentúa “o número de detidos, de investigados e as infraccións penais sen delitos contra a seguridade vial. Pola contra, descenden os delitos contra a liberdade, a seguridade colectiva e as infraccións administrativas”, segundo a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Outro punto destacado na orde do día era a avaliación do Plan Local de Seguridade, que se puxo en marcha en marzo de 2014 para dotar ao municipio do Barco dunha ferramenta eficaz para a xestión sistemática da seguridade cidadá, que repercuta nunha mellora da mesma, e que garanta o exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns do concello. Tamén se valorou como positivo o Protocolo de coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade e a Policía Local na protección de vítimas de Violencia de Xénero que se asinou en marzo de 2014.

O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, manifestaba a súa inquedanza polos datos expostos na Xunta, sobre todo, os dos dous últimos meses do ano anterior, pero reiterou “a máxima confianza no gran labor dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade que xa están a producir resultados satisfactorios nos derradeiros días a prol da seguridade e benestar do veciños desta comarca de Ourense”.

Castro explicou que “se trata dunha serie de casos puntuais e illados, que xa foron resoltos pola Garda Civil e Policía Local, os que deron pé as que as estatísticas en canto a roubos se incrementaran lixeiramente en novembro e decembro de 2017”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button