DeportesÚltima hora

A “Subida á Costiña de Canedo” cumpre 25 anos e inaugurará o calendario atlético de Galicia

Esta proba deportiva de caracter popular celebrarase o vindeiro 1 de xaneiro
Leopoldo Martínez, Laura López, Rosendo Fernández, Saturnino González, Alfonso Fernández e Bernardino González.

A “Subida á Costiña de Canedo”, que chega a súa XXV edición, inaugurará o calendario atlético anual de Galicia. Esta competición de carácter popular, impulsada por Saturnino González, celebrarase o vindeiro luns, 1 de xaneiro, mantendo a esencia que ten desde a súa orixe.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández explicou na presentación desta proba hoxe, 28 de decembro, que a Deputación colabora con este “tradicional evento deportivo que cada ano conta cun maior número de participantes” e que nesta XXV edición “cada participante recibirá unha árbore ao recoller o seu dorsal co fin de sensibilizar e concienciar sobre o respecto á natureza”.

A proba, con saída ás 12:00 horas, conta cun percorrido de 4.200 metros que, os participantes, poden recorrer a pé, en bicicleta ou con cans. “Ata o momento hai preto de 200 inscritos, pero esperamos chegar aos 250 participantes. Noutras edicións inscribíronse participantes non só de Ourense, senón tamén de lugares como Santiago, Pontevedra, Lugo ou incluso do norte de Portugal”, dixo Leopoldo Martínez, secretario do club de Atletas Veteranos de Ourense, que estivo acompañado por Laura López, a presidenta, e Alfonso Fernández, presidente Honorario.

Os interesados en participar teñen ata hoxe para inscribirse na proba, por un custe de dous euros, a través da plataforma www.championchipnorte.com. “Pode participar todo o mundo, temos categorías que van desde infantil ata os 100 anos e unha categoría especial para discapacitados”, explicou Laura López.

O impulsor desta proba, Saturnino González, explicou que comezou a realizar esta proba hai 25 anos. Inicialmente facía o percorrido en bicicleta e portando nunha man unha bandexa con doce copas, unha por cada mes do ano, pero na XIX edición mudou a bicicleta polo atletismo, e desde aquela, realiza a proba correndo.

Pola súa parte, a presidenta do Club Atletas Veteranos Ourense dixo que o Club asumira a organización da proba “desde hai tres anos debido a crecente participación na mesma”, mentres que, Alfonso Fernández, destacou a dureza desta competición “tanto polo percorrido que é case todo costa, como pola data na que se desenvolve”.

Artigos relacionados

Back to top button