OurenseÚltima hora

“Do Super 8 á realidade virtual”, no CIFP A Farixa

Este centro ourensán acollerá o vindeiro 24 de marzo as IX Xornadas “Cultura en produción”

 

Un dos momentos do acto de presentación destas xornadas.

 

Ignacio Benedeti, Hevi, María Yáñez, Rubén Mil, Laura Iturralde ou o colectivo Dial serán algúns dos profesionais que se daran cita nas IV xornadas “Cultura en produción” do CIFP A Farixa. Serán nun único, o este ano levan por título “Do Super 8 á realidade virtual. 50 anos de experimentación sonora e visual”, as cales se celebrarán nunha única xornada que terá lugar o vindeiro 24 de marzo. Esta actividade, enmarcada nos proxectos prácticos do CIFP A Farixa, nesta ocasión acada unha maior dimensión coa implicación da Deputación e da Ourense ICC Week.

A presentación desta cita cultural tiña lugar na mañá do 7 de marzo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. No acto participaban o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o coordinador da ICC Week, Juan Rivas; e os alumnos de Produción Audiovisual e Espectáculos do CIFP A Farixa, Inma Hermida e Alexandre Corbillón.

Aurelio Gómez Villar explicou que entre as novidades da ICC Week deste ano “atópase a incorporación de alianzas con actividades que se desenvolven en Ourense como coa organización da Lan Party, porque pretendemos que a ICC Week sexa plataforma de difusión das iniciativas que se fan en Ourense no ámbito cultural e creativo”.

Nesa mesma liña, Juan Rivas dixo que “colaboramos co centro A Farixa porque consideramos que é unha proposta de relatorios brillante” e, desde a ICC Week, “apostamos claramente por este tipo de temática”. Así mesmo, o coordinador da ICC Week lembrou que xa o ano pasado “adiantámonos ao tema estrela todo 2016 e este 2017 “A Realidade Virtual”, cun relator de luxo en La Molinera como Edgar Martin Blas”.

 

Imaxe da rolda de prensa.

 

Esta xornada enmarcada na programación do Ciclo de Produción Audiovisual e Espectáculos do CIFP A Farixa, como unha práctica na que o desenvolvemento e a xestión corren por conta do alumnado, “ofrécenos a posibilidade de interactuar con profesionais en activo e afrontar a produción dun evento en condicións reais”, salientou Inma Hermida.

“Estas xornadas lévanse a realizar catro anos no CIFP A Farixa pero este ano os relatorios concéntranse nun mesmo día e acollerá a un número maior de asistentes en comparación con outros anos, así o evento terá máis repercusión grazas a que tamén coincide coa presentación da ICC Week”, explicou Alexandre Corbillón.

Nesta actividade darase a coñecer a evolución do mundo da imaxe e do son desde os seus inicios ata a actualidade. “Queremos que esta iniciativa serva como ferramenta dinamizadora e como punto de encontro de profesionais de diferentes áreas do sector, do que nun futuro, nós tamén traballaremos”, engadiu Alexandre Corbillón.

As xornadas están dirixidas ao alumnado de Formación Profesional dos ciclos da rama de imaxe e son, estudantes de Ciencias da Comunicación, estudantes de Arte, e público en xeral. Os interesados en asistir poderán anotarse na páxina web www.farixa.es.

Entre as voces que pasarán polo Salón de Actos do CIFP A Farixa cóntanse as de María Yáñez, destacada especialista en novas narrativas; Hevi, cantante e videocreador cuxo disco “O Vhs do futuro” foi sinalado pola revista Rockdeluxe como o mellor disco do ano 2016; Rubén Mil, ex-alumno da Farixa que actualmente se conta entre os dj’s máis activos do noso panorama musical ou a escenógrafa e videocreadora Laura Iturralde, unha das máis destacadas profesionais que está a integrar o mapping e a videoproxección no seu uso escénico.

O produtor e coleccionista Ignacio Benedeti, especialista en formatos analóxicos e o colectivo de DJ’s ourensanos DIAL, e Juan Rivas e Manuel Araújo como coordinadores da ICC Week completan a programación dunha xornada que se prolongará entre as 9:00h e as 18:00h e para a que é aconsellable a inscrición (de balde ata completar aforo e cun suplemento-colaboración de 5 euros que inclue, segundo a organización, un “modesto xantar”).

Inma Hermida, parte do equipo de desenvolvemento e produción da actividade, salientaba durante a presentación o traballo desenvolvido dende a aula e a presión que supón asumir un proxecto que implica negociacións “de ti a ti” con profesionais e institucións. Foi o alumnado o encargado de xestionar a participación dos ponentes, idear e deseñar a xornada e asumir a xestión do mesmo, sempre coa colaboración e supervisión do profesorado, o cal “non evita momentos de tensión e a obrigatoriedade de asumir unha responsabilidade á que non estamos acostumadas, pero da que sen dúbida estamos a levar unha boa experiencia”.

 

Cartel desta nova edición as xornadas deste centro formativo ourensán.

Artigos relacionados

Back to top button