Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Susana Díaz: “Estar en Ourense é estar no berce do socialismo español”

A precandidata socialista xuntouse con máis de 300 militantes e simpatizantes nas instalacións de Aixiña

Aixiña, ese foi o lugar elixido polos socialistas ourensáns seguidores de Susana Díaz para celebrar unha comida coa precandidata á secretaría xeral do PSOE. Un acto ao que acudiron máis de 300 militantes da provincia e no que Díaz presentou o seu proxecto para ser a nova líder do partido. A socialista entrou triunfal no salón e foi recibida polos seus con apertas e bicos. A pesar do animada que estaba, a precandidata non quixo responder ás preguntas dos medios.

Susana Díaz sentou a comer un pouco máis tarde ca o resto dos asistentes, xa que chegou con media hora de retraso do seu acto de Vigo. Tras saborear o menú de 15 euros o prato marinado con viño godello e mencía do Ribeiro, foi o momento de falar.

O primeiro en intervir foi o voceiro local da plataforma “Ourense con Susana”, Óscar Pérez . O socialista dirixiuse á protagonista do acto coa seguinte definición: “ti representas a forza, as vitorias electorais e os logros sociais”. Rodríguez asegurou que os logros futuros para o PSdeG- PSOE de Ourense “son gañar a Deputación e na Xunta, o PSOE debe respirar aire novo en Ourense, Galicia e España”, dixo.

Tras el, foi a quenda no estrado de Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas, quen tivo un xesto solidario cos colleiteiros de viño que están os estragos das xeadas: “pido o voso apoio para que se declare zona catastrófica, e tamén lle pido a Susana que nos apoie”, declarou. Sara Inés Vega díxolle a Susana Díaz que non a ía vota por ser muller, “voute votar porque creo na túa autonomía e polas túas políticas sociais”. A alcaldesa avogou polas políticas “a pé de rúa” e reiterou que o que precisa o seu partido “é recuperar a unidade e así recuperaremos os dereitos que outros nos quitaron”. Sara Inés Vega, rematou o seu discurso parafraseando a Abraham Lincoln: “una papeleta é máis potente ca bala dun fusil”.

Pero o encargado de presentar á andaluza foi o voceiro provincial da plataforma “Ourense con Susana”, e alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez. O alcalde acolleu á candidata e entregoulle, en nome de todos os socialistas da provincia, unha copia da acta de matrimonio dos pais do que foi o fundador do Partido Socialista, Pablo Iglesias Posse. Pedro Iglesias e Juana Posse casaron na parroquia de A Trinidade.

Susana Díaz arrancou o seu discurso facendo referencia, precisamente, a Pablo Iglesias: “estar aquí, en Ourense, significa estar no berce do socialismo, porque nesta terra naceron os pais do noso fundador”, e esa foi a única mención que fixo a Ourense. Díaz pediulles aos simpatizantes e militantes ourensáns a súa confianza “para ser a primeira muller secretaria xeral do PSOE”. Díaz comprometeuse a crear a fraternidade no partido. “Gústame gañar”, dixo, “porque é a mellor maneira de crear a igualdade entre as persoas”. A precandidata avalou as súas verbas nos anos de historia do socialismo español. Fixo referencia “ás becas de Felipe González, coas que eu estudei na universidade e que agora as quitou o Partido Popular”. Falou de sanidade:”Quero gobernar para blindar a sanidade do noso país”. Mencionou a igualdade: “se os socialistas conseguimos rematar co terrorismo, poderemos rematar co terrorismo machista” e tamén de dependencia: “o primeiro que vou facer é devolver a alta na seguridade social ás coidadoras”.

Tras beber un pouco de auga, xa que quedou un intre sen voz , continuou o seu discurso, no que tamén houbo oco para a xuventude e as pensións no seu proxecto: “Quero mirar aos ollos ao meu meniño de dous meses de dicirlle que son desa xeración que ergueu ao PSOE para erguer España para que ti vivas mellor”.

En referencia á oposición de Pablo Iglesias, Susana Díaz non se cortou un pelo ao chamarlles “a esquerda inútil” e cualificou a moción de censura da formación morada como “teatrillo inútil”. Finalmente, fixo unha chiscadela á ultradereita proliferante en Europa asegurando que con ela “a lei de memoria histórica irá adiante para que non volva a pasar e lembremos”. E reiterou que Europa precisa un socialismo como o dos anos 80 e como o de principios do século XXI con Zapatero.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button