Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Suso Vilasánchez: “É tempo de que o BNG entre con forza no Concello do Barco”

A formación nacionalista vén de presentar a súa candidatura no Barco ás municipais, que encabezará novamente Vilasánchez, nun acto que contaba coa presenza da deputada galega Noa Presas

Persoas e proxectos concretos para transformar e mellorar O Barco. Con esta dobre perspectiva o BNG vén de dar a coñecer a candidatura coa que se presentará ás vindeiras eleccións municipais neste concello valdeorrés.

Facíao na tarde do 6 de abril na súa sede nesta vila nun acto que se encetaba coas palabras de Vítor Nieves, exconcelleiro barquense e un dos membros da candidatura. “Levamos 24 anos de goberno co mesmo partido no Barco e iso nótase. É un goberno que ten só un buque insignia que son as obras de cor gris e cinsento”, aseguraba. Deseguido, Nieves daba a coñecer o nome de cada un dos membros da candidatura, que será liderada novamente por Suso Vilasánchez Feijóo.

A continuación figuran na lista, por esta orde: Loli Rodríguez López, Daniel Calvo Rodríguez, Noa Fernández, Manuel Caramés Varela, Rosa Enríquez Noia, Moncha Iglesias Arias, Blanca Rodríguez Ávila, Vítor Manuel Sierra, María Fernández Rey, Manuel Agra Villar,  Miguel Ángel R. Ávila, Luísa Gómez Vidal, Moncho do Porto, Manu Agra Sánchez, Concha Rodríguez e Xan Xosé Rodríguez.

Noa Presas: “Na candidatura do Barco hai equipo, canteira, proxecto e vontade”

Despois tomaba a palabra Noa Presas, deputada por Ourense no Parlamento galego, quen destacaba que este acto “dá o pistoletazo de saída a uns meses moi intensos nesta primavera electoral na que O Barco e Ourense xóganse moito”. E resaltaba que na candidatura barquense “hai equipo, canteira, proxecto e vontade política e persoal das persoas que a compoñen para levar ese proxecto á práctica e para darlle un cambio de rumbo ao Barco”.

Referíase ás eleccións xerais do 28 de abril destacando que “é importante que Galiza recupere a súa voz propia e para iso a ferramenta é o BNG” e ás europeas, xa que “temos que afianzar a reforzar a voz galega en Europa”. Pero facía especial fincapé nos comicios locais do 26M, tendo en conta que “é nos concellos onde podemos empezar a transfomar todo”. E, neste senso, sinalaba que “notamos nestes catro últimos anos a ausencia do BNG no Concello do Barco. O PSOE está esgotado, fosilizado e acomodado na alcaldía, fai falta un novo impulso”.

 

Suso Vilasánchez, candidato do BNG á alcaldía do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Vilasánchez: “Temos un proxecto global para O Barco”

A presentación finalizaba coa intervención do cabeza de lista barquense do BNG, Suso Vilasánchez, que trazaba xa as principais ideas e liñas do programa electoral co que se presentan nestas eleccións, un “proxecto global” para este municipio. “O Barco é a grande vila e capital indiscutible do oriente ourensán, xeradora de riqueza, e cunha histórica capacidade de adaptación aos tempos e circunstancias. Malia iso, é a grande esquecida, a que ninguén sabe situar no mapa”, comezaba dicindo.

Fronte a iso o BNG, resaltaba Vilasánchez, aposta en primeiro lugar por darlle protagonismo aos veciños xa que considera que o actual goberno barquense “esqueceuse das persoas”. E, neste senso, propón unha “xestión participativa” e iso pasa pola “elaboración dun regulamento de participación cidadá” e por “ter información do Concello en rede”.

 

O cabeza de lista do BNG no Barco, durante a presentación da candidatura./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O candidato nacionalista á alcaldía incidía tamén na importancia de conectar a vila coas aldeas barquenses mediante transporte público, “un transporte gratuíto entre o urbano e o rural”, así como na necesidade da “remunicipalización dos servizos e de investigar que pasa con certos servizos como é o da piscina municipal”.

O proxecto nacionalista tamén pretende poñer o foco no servizos sociais “cunha política transversal e feminista”, na memoria e nas tradición, na cultura “coa creación dun bono cultural”, e no desenvolvemento empresarial co apoio ao emprendemento, agrario e forestal do municipio. “Estamos preparados, temos xente formada e con experiencia. Queremos entrar con forza no Concello do Barco e mudalo de arriba a abaixo”, concluía Vilasánchez.

Fotos: Carlos G. Hervella agás a última da galería, cedida por Vítor Nieves.

 

Artigos relacionados

Back to top button