Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Suso Vilasánchez: “No Barco temos necesidade de políticas sociais”

O candidato do BNG á alcaldía barquense expoñía o proxecto nacionalista para desenvolver este municipio nun mitin no que estaba acompañado por María Albert, Nestor Rego e Loli Rodríguez

Por un concello cun “proxecto global que conecte o mundo e a economía rural coa urbana” aposta o BNG do Barco. Así o aseguraba o seu cabeza de lista, Suso Vilasánchez, no mitin que este partido político celebraba na tarde do 21 de maio no edificio multiusos da vila. O candidato iniciaba a súa intervención asegurando que o actual rexedor barquense ” non ten unha conciencia clara de como está o seu concello, hai que mirar o seu devir e ver que lle está pasando economicamente, socialmente e pobocionalmente e a partir de aí facer as políticas adecuadas”.

E, nese senso, botaba man dos datos demográficos, sinalando que “O Barco foi perdendo poboación sistematicamente nos últimos dez anos. Desa poboación case 2.000 persoas son inmigrantes doutros continentes e, sen esa compensación, a caída poboacional sería aínda maior. E ademais a maior parte desa poboación está entre os 50-60 anos e ante todo isto o Concello non se adapta, non é capaz de recoñecer que encolle. Temos necesidade de políticas sociais que teñan en conta á poboación vulnerable e con fondos de emerxencia social, como ten por exemplo Viana, tamén con programas de envellecemento activo, cun bus que percorra os barrios afastados para levar á xente ao centro…”, resaltaba Vilasánchez.

 

 

E, xunto co desenvolvemento de políticas sociais, Vilasánchez manifestaba a importancia das políticas económicas, “apoiando ás pequenas e medianas empresas, fomentando o cooperativismo, revitalizando o tecido agrario e volvendo a xuntar as vilas co agro”. Expoñía asemade os seus proxectos nacionalistas en materia deportiva, cunha referencia á necesidade de reformar o polideportivo de Calabagueiros “no que se alcanzan temperaturas de 35-40 graos e onde chove dentro”; e cultural con iniciativas como convertir o matadoiro municipal, “un inmenso edificio abandonado nun contedor cultural”, recuperar programas como Valdearte ou convocar premios literarios.

“A nosa promesa é traballar e traballar, sentarnos e non levantarnos. Temos ideas con capacidade de desenvolver unha economía local de pequenas e medianas empresas, de ofrecer solucións”, concluía Suso Vilasánchez. A súa intervención completaba un acto que abría a candidata nacionalista á alcaldía da Rúa, María Albert.

Tras ela tomaba a palabra Nestor Rego, membro da executiva nacional do BNG, quen destacaba as “políticas transformadoras dos concellos gobernados polo BNG, que saben aproveitar as potencialidades deses lugares, fronte aos que queren que nada cambie”. Tamén mencionaba o valor destas eleccións europeas, “xa que moitas das decisións que nos afectan de maneira directa tómanse en Bruxelas, por iso é imprescindible que unha voz galega defenda os nosos intereses e ata agora esa voz foi a de Ana Miranda”.

A continuación falaba Loli Rodríguez, a número 2 da lista do BNG no Barco, quen expoñía as medidas en materia de igualdade que recolle o programa do BNG, entre elas a ampliación do CIM e a creación dun centro de información afectivo-sexual.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira que é de Vítor Nieves.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close