Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Suso Vilasánchez: “O noso programa é moi social, queremos un concello máis cercano aos cidadáns”

O candidato do BNG á alcaldía do Barco vén de presentar nun almorzo coa prensa unha ducia de proxectos “urxentes” para este municipio

Nun almorzo coa prensa desvelaba nesta mañá de 14 de maio o BNG do Barco as medidas principais do programa co que se presenta ás eleccións do vindeiro 26 de maio neste concello. “Son doce medidas concretas dun programa moi social. Queremos un concello máis cercano aos cidadáns”, resaltaba o candidato nacionalista á alcaldía do Barco, Suso Vilasánchez, que estaba acompañado por varios membros da lista.

Previamente Vilasánchez analizaba a situación demográfica actual do Barco, que rexistra “unha perda de poboación continua e cunha tipoloxía de poboación na que menos do 50% naceu en Valdeorras e na que o 17,79% é estranxeira. Temos pouca poboación e envellecida e iso fai necesario que o Concello programe por onde pasa o seu futuro demográfico. ¿Que ten feito o Concello do Barco ata agora neste tema? Nada porque non ten ideas, é un goberno esgotado. Por iso nós presentamos un programa social, baseado na cidadanía de a pé”.

A partir de aí, ía sinalando as doce medidas “urxentes” que o BNG desenvolvería de gobernar na vindeira lexislatura. Entre elas figuran a creación de liñas dun bus “rururbano”  que conectará os barrios e as aldeas co centro da vila, a remunicipalización de todos os servizos como o da Zona Azul para a que plantexan una radical baixada de prezos ou a eliminación das barreiras arquitectónicas.

Tamén defenden a posta en marcha dunha rede de apoio á poboación desprotexida ou vulnerable, “como son os anciáns que viven sos”, a dotación de partidas específicas para emerxencias sociais ou a ampliación do CIM e a creación dun centro de información afectivo-sexual.

No decálogo inclúen ademais a elaboración dun regulamento de participación cidadá, crear unha planta de reciclaxe e compostaxe e facer do abandonado matadoiro municipal “un gran contedor cultural onde poderían expoñerse, por exemplo, as obras do fondo de Valdearte”.

Vilasánchez incidía ao mesmo tempo na creación de emprego para “frear a emigración da mocidade barquense” e, nese senso, no programa do BNG proponse a “dotación dunha Casa da Xuventude que xere coñecemento e tecido asociativo que sexa un referente, cambiar a planificación do Viveiro de Empresas para convertelo nun espazo de Coworking que sexa de acceso libre e gratuíto”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button