PolíticaÚltima hora

Suso Vilasánchez: “Os traslados ao Hospital de Ourense incrementáronse nun 31%”

O candidato do BNG á alcaldía do Barco valoraba en rolda de prensa a situación do Hospital Comarcal Valdeorras
Suso Vilasánchez candidato do BNG á alcaldía do Barco, na rolda de prensa xunto ao Hospital Comarcal Valdeorras.

No Barco e no conxunto do oriente ourensán, “polas súas características de lonxanía das cidades que fan da nosa comarca unha zona periférica, é crucial ter un hospital que dea un servizo axeitado e á altura”, sinalaba o cabeza de lista do BNG, Suso Vilasánchez na rolda de prensa que convocaba xunto ao Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), na mañá do 24 de maio.

Suso Vilasánchez queixábase de que “non se están a cubrir as necesidades nin as prioridades do HCV, nin se ten en conta a opinión do seu persoal”. Tamén sinalaba que os investimentos que a administración galega vai destinar ao centro non chegan ao millón de euros e “serán dedicados ao mantemento do edificio, a obras tales como fontanería ou cambio dos ascensores porque as novas camas non entran nos actuais”. E resaltaba que ese investimento contrasta co destinado a outros hospitais próximos como o de Monforte, “no que se van investir  15 millóns de euros”, dicía

Vilasánchez tamén aseguraba que “se comparamos a actividade actual coa do ano 2000, o hospital do Barco tiña máis actividade clínica asistencial, tanto cirúrxica, como de hospitalización, de consultas externas e en urxencias. Desde que estamos sen autonomía este hospital perdeu a súa capacidade clínica”.

Tamén sinalaba o cabeza de lista do BNG que os servizos do hospital diminuiron “e ademáis moitos deles nin están aquí, como os especialistas que veñen, fan a consulta e marchan, o que converte este hospital nun centro de especialidades”.

O candidato á alcaldía do Barco aproveitaba a rolda de prensa para indicar que non hai moito tempo que “descubrimos que había 20 prazas de médicos no HCV que traballan noutros hospitais, o que contribúe a aumentar os traslados cara outros hospitais como o de Ourense, pois os datos son claros. Entre 2016 e 2017 os traslados para probar incrementáronse nun 25% e nun 31% os traslados en UVI móbil”, resaltaba.

Artigos relacionados

Back to top button