En portadaÚltima hora

Suspéndense as festas das covas de Valdeorras neste verán

Non se celebrará o Viñotapeo de Quereño, tampouco o Camiño das Covas do Castro, a Festa Coveira de Arcos, a Festa das Covas de Vilamartín, nin a Convivencia nas adegas de Oval

Asistentes á pasada edición do Viñotapeo de Quereño (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os percorridos festivos polas antigas covas e polas adegas tradicionais de Valdeorras non se celebrarán neste verán. Ante a pandemia do Covid-19, os promotores destas celebracións decidían non organizalas como medida de prevención, tendo en conta que nestes eventos gastronómicos acostuman reunirse multitude de persoas e, nalgúns casos, en espazos estreitos nos que se podería garantir as distancias de seguridade.

 

O Camiño das Covas do Castro no 2019./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Así, este verán non se celebrará o Viñotapeo de Quereño, tampouco o Camiño das Covas do Castro (ambos en xuño), nin a Festa Coveira de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) en xullo.

 

Participantes na pasada edición da Festa Coveira de Arcos (Vilamartín)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

E, por primeira vez en 24 anos, Vilamartín non terá a súa Festa das Covas o primeiro sábado de agosto. “Onte tivemos unha xuntanza e acordamos non organizala, trátase dunha gran aglomeración de xente e non queremos arriscar. Ademais hai moitos coveiros que son persoas maiores e, por tanto de risco”, explican dende a Asociación de Coveiros de Vilamartín. Ademais esta entidade anuncia que tampouco se realizarán os eventos cos que acostumaba colaborar co Concello, como é o caso da “Noite de San Xoán”.

 

Festa das Covas en Vilamartín no 2019./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Unha das adegas da convivencia de Oval.

 

Tamén está suspendida a Convivencia das Adegas de Oval (Rubiá), que acostuma celebrarse en agosto.

Artigos relacionados

Back to top button