En portada

Suspéndense os exames teóricos de conducir no Barco

O Concello do Barco vén de facer público que a DGT deixará de facer na vila estas probas para o carné a partir do 5 de agosto
Un vehículo circulando polo centro da vila barquense.
Un vehículo circulando polo centro da vila barquense.

Dende o 5 de agosto as persoas que queiran obter o carné de conducir terán que desprazarse á cidade de Ourense para poder realizar o exame teórico. Así o facía público o Concello do Barco a través dunha nota de prensa. “Dende hai anos, un equipo da dirección provincial de Tráfico trasladábase ata O Barco unha vez ao mes para a realización dos exames nun local cedido polo Concello, pero agora decidiuse que todos os aspirantes deberán viaxar a Ourense para someterse ao exame en aulas da DGT desa localidade”, tal e como sinala o Concello do Barco. Nesta vila valdeorresa examínase unha media de 500 persoas ao ano para obter o carné.

Dende o Concello do Barco tamén se indica que a DGT xustifica a medida por razóns de “modernización, accesibilidade, eficacia e eficiencia da administración”, cuestións coas que o Concello “está por completo en desacorod pola discriminación que supón para os veciños non só do Barco, senón de toda a comarca de Valdeorras”. Ademais a administración local barquense critica esta liña de actuacións do goberno do Estado “tendentes a centralizar os servizos administrativos nas capitais de provincia, olvidando os dereitos e necesidades daqueles que residen en comarcas afastadas destas poboacións e que se ven claramente perxudicadas por este tipo de decisións”.

Neste senso, o Concello do Barco “ten a intención de iniciar contactos cos responsables das autoescolas da zona co fin de estudar actuacións conxuntas para conseguir o mantemento dos exames de conducir no Barco”.

Artigos relacionados

Back to top button