DeportesÚltima hora

Suspendida toda a competición de fútbol, sala e gaélico en Galicia

A RFGF decreta a suspensión polo coronavirus de toda a competición en Galicia de fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico dende mañá e durante as vindeiras dúas semanas

 

Apenas unhas horas despois de emitir un comunicado polo que “todas as competicións e eventos deportivos, de ámbito estatal disputaranse tamén en Galicia a porta pechada”, a Real Federación Galega de Fútbol anunciaba que “TODA a competición en Galicia de fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico tamén queda SUSPENDIDA durante ese mesmo prazo de dúas semanas. Medida de urxencia que comeza a ser efectiva desde mañá xoves”.

O comunicado emitíano na mañá deste mércores 11 de marzo “ante a situación de urxencia que está xerando a expansión do Coronavirus COVID-19 e logo dos comunicados do Consello Superior de Deporte e o emitido esta mañá pola Real Federación Española de Fútbol no que decreta a suspensión da competición de fútbol e fútbol sala de ámbito estatal durante as dúas próximas semanas, recomendando ademáis a mesma medida a todas as federacións territoriais”.

Dende a Federación aseguran que “esta decisión extraordinaria enténdese necesaria para unha situación que é claramente extraordinaria” co obxectivo de “garantir a saúde e seguridade dos nosos deportistas e de todas as persoas que dun ou doutro xeito move cada partido de fútbol, fútbol sala e gaélico que se disputa en Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button