CD BarcoDeportesFútbolGalerías de fotosÚltima hora

Táboas en Calabagueiros no segundo test da pretempada para o CD Barco

Co empate a ceros remataba o amigable ante o Astorga disputado na tarde deste mércores 18 de agosto

 

Dous amigables e dous empates. Co 0-0 no marcador remataba o partido disputado no campo de fútbol de Calabagueiros na tarde deste mércores 18 de agosto, o segundo test da pretempada para o CD Barco ante o Atlético Astorga.

Un partido arbitrado por Carlos López Gudiña de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) para o que Javi Rey contaba con boa parte do plantel recén formado. Pacho na portería, Juan Barbeito, Víctor Oliver, Héctor Santin, Andoni “Oli”, David Álvarez, Ivi Vales, Adri Díaz, Duque, Carlos Cruz e Javi Pazos formaban o once inicial barquense, entrando Iván Tato por Javi Pazos xa na primeira parte. Como partido de preparación que foi, tanto os locais como os visitantes puxeron a proba técnica e velocidade aínda que nesta tarde as ocasións de gol foron mínimas.

 

Entre afeccionados do Barco estaba José Luis Miranda (segundo pola dereita), residente en Staten Island (New York).

 

Tampouco no partido ante o Arnoia (co que competirán tamén na liga), disputado o pasado sábado, se producían goles, levando polo de agora dous partidos (o primeiro previsto contra o Ourense CF para o 7 de agosto tivo que ser suspendido por un positivo por Covid no cadro barquense), dunha pretempada na que se enfrontarán, entre outros, ao CD Arenteiro que este ano xogará en Segunda RFEF.

 

Carlos López Gudiña, de Arcos (Vilamartín), arbitrando o encontro.

 

Malia coincidir a metade de semana, a afección segue sen fallar ao CD Barco e tamén neste encontro había xente nas bancadas. Moitos novos, o que garante a continuidade da afección polo club vermello entre a mocidade. Tamén estaban os de sempre e incluso grandes forofos chegados dende o outro lado do océano como José Luis Miranda, residente en Staten Island (New York) que non quixo perder a oportunidade de ver en acción ao seu equipo.

A seguinte cita da pretempada para Javi Rey e os seus rapaces será o vindeiro mércores 25 de agosto contra o Bembibre.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button