CD ArenteiroCD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima hora

Táboas no derbi ourensán CD Barco-CD Arenteiro

Co empate a uns remataba o partido correspondente á xornada 19ª en terceira división disputado en Calabagueiros

 

Facía tempo que non se desfrutaba dun partido tan intenso e emocionante no Estadio Municipal de Calabagueiros. E non só porque facía máis dun mes que non se permitía público nos campos pola restricións do Covid, senón porque se disputaba un derbi ourensán, xa de por si interesante, e por riba era o líder o que visitaba o campo barquense.

Así, na tarde deste domingo 7 de marzo, pasada ás seis e media, CD Arenteiro, líder en solitario do grupo en terceira división e CD Barco, no posto 8º, saltaban ao terreo de xogo dispostos a sumar os tres puntos en xogo. Os do Carballiño formaron un plantel compacto que non deixaba que os do Barco desenvolveran o seu xogo. Así e todo a primeira parte do encontro foi un continuo toma e daca, con varias opcións que os locais nos souberon aproveitar ata que no minuto 30 era Renan quen transformaba un penalti favorable ao Arenteiro poñendo o 0-1 no marcador co que chegaba o descanso.

 

El Harrak durante o encontro.

 

Tralo paso polo vestiario baixou a intensidade do xogo, e aos poucos minutos de comezar a segunda parte, Naveira era expulsado por dobre cartón amarelo quedando os locais con dez xogadores no campo. Chegaba entón unha nova ocasión para O Barco que esta vez si aproveitaba, sendo Marc Vicente quen marcaba no minuto 64 poñendo o empate no marcador. Manolo Pérez facía entón varios cambios no conxunto vermello. Primeiro entraron Pedro, Juanito e Rodri Alonso por Andrés, Vera e Marc; e despois Carlos Villar entraba por El Harrak, intentando remontar o encontro ao que o colexiado engadiu 3 minutos, pero o marcador xa non se movería.

 

Os xogadores do Barco celebrando o gol de Marc.

 

Con este resultado, os do Carballiño continúan como líderes, a tres puntos do segundo clasificado (o Arousa), mentres que os do Barco escalan un posto, a un só punto dos play off.

A desta tarde foi unha das catro grandes finais que lle restan ao CD Barco para o final da primeira fase da liga nesta peculiar campaña marcada polas medidas anticovid (control de temperatura ao acceder ao campo, xel hidroalcohólico, mascarilla e distancia social). A vindeira fin de semana viaxará ata o Estadio de O Couto para disputar outro derbi, co Ourense CF. Despois xogará de novo en casa contra o CD Choco para rematar a fase regular no campo da UD Atios.

 

O árbitro cun dos moitos cartóns amarelos amosados neste encontro.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button