DeportesFútbol salaRúa Valdeorras CFÚltima horaVídeos

Táboas no partido de ida da semifinal da Copa entre o Rúa Valdeorras CF e o Arnoia

Co empate a dous remataba o intenso partido de fútbol sala feminino disputado esta tarde no pavillón municipal da Rúa

 

Intenso e moi traballado foi o partido de fútbol sala feminino disputado na tarde deste domingo 22 de maio no pavillón municial da Rúa. Un partido moi importante para as rapazas do Rúa Valdeorras CF que se xogan co Atlético Arnoia (un rival duro ao que non lograban vencer na liga) o pase á final da Copa de fútbol sala feminino, e que se resolvía cun empate a dous.

 

 

Tras varios intentos fallidos eran as locais, ás ordes de Rosendo Durán, as que se adiantaban no marcador cun golazo de Carlota no minuto 20. Catro minutos despois empataba Andrea para o Arnoia, conxunto que lograba darlle a volta ao marcador cun segundo gol no 24′ nesta ocasión de Cristina. Pero as valdeorresas non estaban dispostas a deixar o partido sen pelexar duro, tal como o levan facendo toda a tempada, e no minuto 40 Marta poñía o 2-2 no marcador.

O partido de volta da semifinal xogarase previsiblemente o vindeiro sábado e dende o club valdeorrés porán un autobús para a afección que queira acompañar ás rapazas nun partido clave. No partido disputado hoxe foi moita a xente que as animou dende as bancadas.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button