En portadaÚltima hora

Taller práctico sobre “defectos do viño, procesos de detección e corrección” en Vilamartín

Esta acción formativa, promovida pola Evega, terá lugar o vindeiro 15 de novembro na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras
Cartel do taller.

Na elaboración dun viño desenvólvense diversos procesos físicos, químicos e microbianos durante os cales pode existir o risco de que se produzan alteracións que afecten ás súas características organolépticas. Os cambios prexudiciais denomínanse enfermidades ou defectos. E co fin achegarse a eles e saber como evitalos a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) organiza o vindeiro 15 de novembro, un taller práctico sobre “Defectos do viño. Novos procesos de detección e corrección”.

Esta actividade desenvolverase na sede do CRDO Valdeorras (estrada N-120, Km4 63) en Vilamartín de Valdeorras en xornada de mañá e contará cos relatores José Daniel Fornos Rivas, licenciado en Ciencias Químicas, e co enólogo Luis Buitrón. A primeira das intervencións será ás 9:30h. e centrarase nas “Bases fisiolóxicas dos sentidos utilizados na análise sensorial dos viños. Como funcionan os sentidos en referencia aos estímulos percibidos dun viño” e, despois, farase unha “explicación práctica dos principais defectos do viño. Como se producen, a súa estrutura química, a súa prevención e as posibilidades de eliminalos. Novas formas de detección”. A xornada concluirá cunha parte dedicada á detección práctica dos principais defectos olfativos que se poden producir nun viño.

Na organización deste taller colaboran o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, a Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). As prazas dispoñibles son 25, e malia que o prazo de inscrición remata o día 13 de novembro, xa se esgotaron, segundo se informa no Evega.

Artigos relacionados

Back to top button