SanidadeÚltima horaVídeos

Alumnos do CEIP Manuel Respino da Rúa aprenden primeiros auxilios a través do xogo

Os cursos de 3º e 4º de Primaria participaban no obradoiro 'Pupas, sustos e outros desgustos'

 

Tralo parón da pandemia vén de retomarse en Valdeorras o programa da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ‘Pupas, sustos e outros desgustos’ con obradoiros nos centro escolares de Educación Infantil e Primaria. O primeiro colexio no que se impartía era o CEIP do Bolo e na mañá deste mércores 27 de abril tocáballe o turno ao CEIP Manuel Respino da Rúa para os alumnos de 3º e 4º de Primaria.

No centro rues facíanse dous obradoiros, o primeiro de 9:30 a 11:30 e o segundo de 12 a 14 horas, con varios grupos debido á restricións sanitarias aínda vixentes (a galería de imaxes corresponde a 3º A) que eran impartidos por Verónica Civeira, promotora da iniciativa co apoio de varias enfermeiras de Atención Primaria de Valdeorras (Beatriz de Pediatría, Isabel e Carla do Centro de Saúde do Barco e Manoli de Pediatría do Centro de Saúde da Rúa).

A formación sobre primeiros auxilios contou con dúas partes. A primeira era máis teórica con explicacións orais e tamén proxeccións adaptadas para nenos, nas que se abordaban cuestións como que é a febre ou unha gastroenterite e como se debe actuar e que alimentos non tomar nesa situación. Os nenos tamén aprendían a diferenciar diversos tipos de feridas (golpes, cortes, mordeduras de animais, queimaduras…) e como deben tratarse en cada caso, o que se fai ben e o que se fai mal. Cada explicación ía acompañada dun xogo práctico. A segunda parte era máis práctica, aprendendo sobre un peluche traído de casa como facer a maniobra de Heimlich en caso de atragoamento, entre outras cuestións.

“Tratamos cousas básicas para que os pequenos vaian tomando nota de como coidarse e que facer ou como actuar ante imprevistos”, puntualiza Manoli.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button