EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Taller sobre procesos de recoñecemento dos atributos nos viños da D.O. Valdeorras en novembro

Celebrarase o vindeiro 7 de novembro na sede do consello regulador, en Vilamartín

 

O vindeiro 7 de novembro terá lugar un taller práctico sobre novos procesos de recoñecemento dos atributos nos viños da Denominación de Orixe Valdeorras na sede do seu consello regulador, en Vilamartín. Este taller estará organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) coa colaboración da Fundación Juana de Vega e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

A través desta iniciativa os asistentes poderán familiarizarse e especializarse no recoñecemento dos aromas e sabores que describen positivamente os viños producidos e amparados nesta denominación de orixe, tanto no caso dos brancos coma dos tintos. Deste xeito, os participantes aprenderán a buscar a presenza maioritaria duns atributos ou outros para conseguir o viño desexado.

Así, este tipo de actividades teñen como obxectivo principal formar e adestrar aos compoñentes dos paneis de cata oficiais das distintas denominacións de orixe, para garantir así o recoñecemento da calidade organoléptica dos produtos de calidade avalados polos distintos selos. Neste caso, falamos da decimocuarta acción de transferencia que organiza a Evega neste ano, que consistiron en seis xornadas técnicas, cinco talleres prácticos (ao que se suma esta iniciativa) e dúas publicacións monográficas.

Esta actividade desenvolverase en xornada de tarde. Haberá un total de 30 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición rematará o día 6 de novembro, agás que se esgoten antes as prazas. Pode consultarse o programa e descargar a folla de solicitude na páxina oficial da Evega, aquí: https://evega.xunta.gal/gl.

Artigos relacionados

Back to top button