CulturaCulturaÚltima hora

Talleres de recuperación da tradición oral, entre os actos de “Un Camiño Asolagado” en Vilar de Barrio

Desenvolverase neste verán e tamén incluirá degustacións gastronómicas de produtos locais, visionado de estrelas ou rutas para coñecer o patrimonio da zona

Acto de presentación do programa./ Cedida.

 

Actividades culturais, deportivas e gastronómicas impulsaranse dende o Concello de Vilar de Barrio durante todo o verán no marco do programa “Un Camiño Asolagado”. Este conxunto de actos (incluídos no programa “O Teu Xacobeo”) presentábase nesta fin de semana da man do alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, que estaba acompañado polo xefe territorial de Turismo da Xunta, Manuel Pardo, así como por representantes da entidade Xeitura S.Coop.Gal. responsable da execución das actividades.

“O Camiño de Santiago atravesa de sur a norte o noso municipio, porén a ambos lados do mesmo existe un mundo de posibilidades. Con este programa pretendemos crear unha oferta estival adaptada para todos os públicos. Un programa que sirva ao tempo para potenciar valores xacobeos de apertura ao coñecemento e o intercambio entre culturas en igualdade co orgullo polo propio”, afirmaba o rexedor de Vilar de Barrio Manuel Conde.

Pola súa banda, o xefe territorial de Turismo, Manuel Pardo amosaba o “compromiso da administración autonómica coa activación cultural e económica que supón o ano santo para todos os concellos galegos. Dende a propia capital compostelá ata pequenos municipios rurais”.

Deseguido, Antonio Vázquez Sobrino, representante da entidade Xeitura S.Coop.Gal., presentaba a axenda de actividades. “Un Camiño Asolagado pretende convidar á veciñanza de Vilar de Barrio a peregrinar a Santiago de Compostela en tres planos: a memoria colectiva, o camiño das estrelas e o camiño físico”, apuntaba.

O vindeiro mércores 7 de xullo comezarán os primeiros faladoiros para recuperar a tradición oral asociada aos camiños históricos. Actividade que se repetirá por diferentes localizacións do municipio na primeira quincena do mes. En agosto faranse varias convocatorias nocturnas para coñecer o “camiño das estrelas”, coincidindo coas coñecidas Bágoas de San Lourenzo, e en setembro será o momento da peregrinación física na que os avituallamentos actuarán como espazos para a degustación de produtos locais. Toda a información e inscricións estará presente na páxina web www.celtiatravel.com

Artigos relacionados

Back to top button