Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Talleres Montessori sobre etapas do desenvolvemento e comunicación positiva, no Barco

Estaban organizados por De Nai a Nai e impartíanse ao longo da xornada do 23 de febreiro no local desta asociación

Novo achegamento á metodoloxía educativa Montessori no Barco. O 23 de febreiro a asociación De Nai a Nai organizaba dous novos talleres, cuxa docente era Mercedes Urbiola, socia fundadora de Galicia Montessori, pedagoga, guía titular do ambiente de Casa de nenos, guía de taller e nai. Impartíanse no lcoal de Nai a Nai e, desta volta, eran sobre temática xeral para “axudar a comprender en que etapa se encontra o noso neno ou nena e adaptar a esta etapa a nosa maneira de comunicarnos e de poñer límites”, explica a presidenta desta asociación, Lorena Prada.

Así durante a mañá, de 10h. a 14h., desenvolvíanse o taller “Etapas do desenvolvemento” e a partires das 17h. o de “Comunicación positiva e límites”. No primeiro deles, a docente abordaba as diferentes etapas do desenvolvemento dos nenos, “recoñecendo as características e necesidades, para así favorecer a expansión de todo o seu potencial”.

No taller da tarde, cun enfoque máis práctico, participaban pais e nais “xa que se trata dun tema complexo e que a miudo xera inquietude, posto que como pais queremos facelo o mellor posible, respectando ao noso fillo/a, polo que ás veces cústanos identificar cal é o momento idóneo para establecer determinados límites”, matiza Lorena Prada. Falábase do “acompañamento respectuoso” das rabietas e de como actuar ante as chamadas de atención dos nenos, entre outras cuestións.

Estes talleres Montessori están tendo unha gran acollida no Barco. Como nos casos anteriores, as prazas para poder asistir esgotábanse rapidamente e ademais había listas de espera, o que pon de manifesto o gran interese que existe por este tipo de metoloxía.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button