Publicidade
EntrevistasÚltima horaVídeos

Tamara Andrés: “Interésame levar a poesía ao espazo, facela visible na sociedade”

Esta poetisa, con orixes valdeorresas, encetará o vindeiro 1 de xullo no Barco o "VIII De Perto" coa proposta “O bosque e a danza”

A poetisa Tamara Andrés, cuxa familia paterna é valdeorresa./ Foto: Paula Andrés.

 

Memoria, linguaxe, corpo. Arredor destes tres fíos temáticos principais técese o universo literario de Tamara Andrés (Poio, 1992). Camiña principalmente pola poesía, explorando as posibilidades deste xénero en relación con outras manifestacións artísticas como a música, a fotografía, a plástica, o audiovisual ou mesmo a danza.

Malia á súa xuventude, esta escritora e tradutora con raíces valdeorresas, conta cunha destacada traxectoria, que inclúe obras como Amentalista, unha persoal homenaxe ao pintor René Magritte publicada no 2015. Ese mesmo ano ganaba o Concurso de Poesía O Facho con Nenæspiraes e no 2017 saía do prelo Corpo de Antiochia, poemario traducido ao castelán e co que se convertía en finalista do Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2018.

 

Portada de “Irmá Páxaro”.

 

Logo virían Irmá paxaro (2019) con ilustracións de María Montes, Bosque vermello (2019) e Distancias (2020), este último con Marcos Viso e dentro do proxecto “Cartas ás doce”. E iso sen deixar de lado á súa faceta como tradutora, o seu labor docente e a investigación para a súa tese doutoral, centrada na poesía galega feminina.

O vindeiro 1 de xullo ás 20:30h. Tamara Andrés, cuxa familia paterna é orixinaria de Santoalla (Petín) e de San Fiz (A Veiga), abrirá a oitava edición do ciclo “De Perto” nos xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco). “Emocióname moito estar neste ciclo porque Valdeorras é unha terra que quero ben”, confesa.

– Que foi primeiro, ¿a tradución ou a literatura?

¡Que pregunta máis difícil! Eu son graduada en Tradución, entón realmente a miña formación é de tradutora, pero sempre quixen escribir, o que sucede é que neste país non hai unha formación para ser escritor. Dende ben noviña tiven claro que a literatura ía ir por unha banda e a vía profesional, pola outra. É un pouco triste que a litetatura xa nin sequera se concibise nesa primeira Tamara como unha opción profesional. E, aínda a día de hoxe, tendo xa publicacións ou certa traxectoria, penso que é moi difícil.

– ¿Comezache escribindo poesía?

Sempre escribín poemas, pero o primeiro foi o relato. É un formato bastante parecido á poesía, no que tes que concentrar moito contido en moi pouco espazo. Digamos que o formato breve sempre tirou de min, empecei polo relato, despois pasei á poesía e agora estou un pouquiño recuperando o relato.

– Referíaste antes á túa traxectoria, ¿podería dicirse que nese camiñar xa conseguiches atopar a túa voz poética?

Creo que atopei o que quero contar. É certo que ata hai uns aniños eran un pouco exploracións, moitas veces usas os referentes para ir vendo por onde queres ir, vas probando, conxugando, facendo experimentos, pero dende hai un par de anos si que son consciente de que o que publico é o que quero publicar, é algo xa sólido, que se construíu despois de bastantes proxectos. Antes houbo moitos intentos, aprendín de moitas linguaxes, son unha persoa á que lle gusta nutrirse de multitude de disciplinas artísticas (cine, teatro, fotografía, perfomance, música…) e dende hai un tempo si que sei como integrar todo iso e todo o que eu quero captar na miña produción textual.

– ¿Como se foi reflexando esa mestura de poesía con outras artes nos teus proxectos?

Por exemplo, houbo unha época na que me interesou moito recitar en pubs e artellei algúns proxectiños para sacar a poesía do poemario e xuntármonos en bares simplemente a escoitármonos uns a outros. Logo, coa poeta Silvia Penas, fixen un proxecto de poesía e música e iso saíu moi ben, foi algo puntual e que agora estamos intentando repescar.

 

 

Despois con Marcos Viso, que é ourensán, teño un proxecto un pouco máis permanente, a longo prazo, que explora o diálogo entre poesía e imaxe. Marcos e máis eu compartimos unha concepción da literatura un pouquiño diferente ao que se fai. Coincidimos na preparación dun libro, que ao final non puido ilustrar, pero a partir de aí falamos moito sobre o xeito no que a imaxe complementa ao texto a todos os niveis, e non simplemente aos libros infantís.

E a partir de aí creamos “Cartas ás 12”, cun par de personaxes, unha nena e un pai, que empezaban a dialogar a través da palabra e da imaxe. Despois acabamos un sobreciño cunhas postais, fúmonos de xira por uns bares e resultou moi bonito. El tocaba o arcordeón e eu cantaba un pouco, sendo esa nena do proxecto. Despois desa minixira publicouse “Distancias” (2020), do que aínda estamos recibindo estes días unhas críticas boísimas, eu estou supercontenta.

E logo está a exploración do espazo, as perfomance, e aí hai proxectiños de todo tipo.

– Na túa obra hai unha serie de temáticas recurrentes e mantense o pouso do social…

Si. Tiro moita pola memoria, gústame moito falar de memoria e de linguaxe, e aínda que tamén hai moito de ficción, ao final todo parte da biografía. Eu son unha persoa marcada pola emigración a nivel familiar, por iso falo da memoria. E na emigración sempre houbo moitas linguas ao meu redor, de aí tamén a miña reflexión sobre a linguaxe. E logo interésame como se percibe o corpo, supoño que porque son muller e pola presión a nivel social que temos. Digamos que non son temas que abordo de xeito explícito, pero, se rasgas un pouquiño, están os tres.

 

Foto-postal de “Bosque vermello”_Tamara Andrés. /Foto: Miguel Vidal.

 

– ¿Desa memoria tamén forma parte Valdeorras?

O meu pai naceu en Santoalla (Petín), logo foi para Carballal e estudou no Barco, despois a familia emigrou a Madrid. Os meus avós eran de Santoalla (Petín) e de San Fiz (A Veiga). Eu teño moita relación con Valdeorras, a miña familia mantén unha casa en Carballal e imos moitas veces. Cando me chamaron para participar en “De Perto” a verdade é que me emocionei moito porque é unha terra á que quero ben e que significa moito para min a nivel familiar.

– ¿Supón unha volta ás raíces?

Si, ao final son todo cuestións simbólicas, pero, ademais de ler libros, o bonito e é o bo que ten a literatura é poder asistir a certos espazos, certos encontros, que se vaian tecendo novas vías… Iso a min encántame, de feito é o que máis me gusta da literatura: estar con xente e asistir a un espazo. Tamén me interesa levar a literatura ao espazo, facela visible na sociedade, que a literatura en si, aínda que non sexa de temática social, teña unha funcionalidade social. Isto gústame moito.

 

Presentación de “Irmá Paxaro” na Libraría Paz./ Foto: Adrián Porima.

 

– Esa forma de achegamento á poesía non é habitual nin nas pequenas vilas, nin no ámbito rural…

En absoluto, e precisamente por iso, porque non existe, forma parte da miña proposta vital, non só como autora. Eu vincúlome moito a proxectos sociais dende o momento no que decidín quedar en Combarro. Sempre quixen vivir fóra, de feito, estudei Tradución e Interpretación coa idea de ir para Bruxelas, facer as oposicións no Parlamento europeo e ser intérprete, pero, de súpeto, pasaron bastantes cousas e pensei: teño unha casa en Combarro que vou abandoar porque é unha aldea da que está fuxindo todo o mundo, porque non hai nada atractivo nin para xuventude a nivel social, nin hai oportunidades de traballo, laborais…

Entón a miña posición persoal foi quedar e construír algo aquí e, dende entón, vinculeime coa asociación Armadiña de Combarro, metinme nos seus proxectos e propuxen novos proxectos literarios. En vez de dar ás costas e fuxir, é interesante que entre todos poñamos o noso gran de area e constrúamos algo porque, senón, mal nos vai ir e máis con estas cousas que están pasando agora. Creo que é o momento de implicarse e que aínda hai oportunidades.

– ¿Como vai ser a actuación no Barco?

Presentarei o meu último libro Bosque vermello (Edicións Positivas). Teño preparada unha especie de acción cunhas imaxes para falar do bosque e da danza. Esa será unha parte. Ademais, quería levar algo relacionado coa familia paterna e tocar un pouquiño este tema como algo simbólico incluso para min.

 

 

– Pola túa experiencia, ¿cres que hoxe hai interese pola poesía?

Interese hai e é certo iso que se di de que Galicia é terra de poetas, a cuestión está en se isto realmente se apoia dende as institucións ou se visibiliza. Teño a sensación de que hai moitísima creatividade e xente moi interesada, pero falta potenciación, mediación e un pouco acougo.

A poesía necesita unha lectura, unha atención que non requiren outros xéneros e o momento no que estamos a nivel social non sei se é o máis acaído para ler poesía ou o máis necesario para ler poesía, danse como as dúas vertentes. Aquí vexo un pouco de todo, hai público moi interesado, que se mete a tope, e outro con moitos prexuízos aínda, e que cando ve a palabra poesía fuxe correndo… O que boto máis en falta é un pouco de apoio institucional, a poesía úsase moito con certos intereses e non se aproveita toda a súa potencialidade, pero lectorado si que hai, o caso é apoialo, fomentalo e coidalo.

 

Portada de “Bosque vermello”, o último poemario de T. Andrés.

 

– ¿Que significan para ti os premios?

Os premios sono todo. Non é só unha cuestión económica, senón simbólica e de prestixio. Cando ganas certos galardóns xa estás posicionada en tal ou cal lugar e a min, por exemplo, o primeiro premio que ganei, o Facho, situoume, a xente coñeceu o meu nome e, a través desa porta que se abriu, viñeron outras máis. E, despois, o feito de quedar finalista no Miguel Hernández foi un recoñecemento moi grande polo que significa, é un aval.

– ¿Gustaríache poder vivir da literatura?

Encantaríame, e mesmo intenteino, porque é un mundo que me apaixoa, pero véxoo moi, moi difícil tal e como está construída aquí a profesión xa non só de escritor, senón de poeta. Teño claro que para estar no mundo literario debo contar con outra profesión e, ás veces, tamén é difícil conxugar as dúas cousas. Ogallá iso cambie.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close