CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Tanxugueiras clasifícase para a final do Benidorm Fest cun deseño do vianés Jorge Álvarez

A votación do público encumbrou ao grupo galego ao segundo posto da semifinal

 

Malia ser as favoritas do público e facer unha gran actuación, o xurado do Benidorm Fest (a previa española para Eurovisión 2022) non tratou ben ao grupo galego, Tanxugueiras, e o seu tema Terra, deixándoas fóra das catro favoritas. Así e todo, tanto talento non podía quedar sen recompensa e foi precisamente o público quen, a través de chamadas, sms e as plataformas dixitais, lograba colocalas para a gran final que se celebrará o sábado.

Sobre o escenario, Olaia, Aida e Sabela puxeron voz galega á multiculturalidade de España cunha potente coreografía e un coidado estilismo que correu por conta do deseñador vianés Jorge De Álvarez.

 

Tanxugueiras cos deseños de Jorge De Álvarez. /Foto: Tanxugueiras.

 

Tras gañar o segundo premio do certame nacional de xoves deseñadores e vestir, entre outras celebridades a Rozalén (a cantante levou un dos seus deseños aos Grammy Latinos), o Jorge tiña en mente poder vestir ás cantareiras do século XXI para Eurovisión, “ese é un dos meus obxectivos”, aseguraba hai uns meses. Pode que Tanxugueiras non chegue ao certame internacional, pero as súas compoñentes xa poden presumir de ter actuado en Benidorm con deseños exclusivos feitos en Viana do Bolo.

Terra és un canto á diversidade e á solidariedade mantendo as raíces galegas. Unha fusión do tradicional co moderno que comparte cos traxes que Olaia, Aida e Sabela luciron na noite deste 26 de xaneiro: un dúas pezas negro con bordados e brillantes, completando o estilismo xoias adaptadas da arte castrexa.

 

Artigos relacionados

Back to top button