OurenseÚltima hora

Tanxugueiras e Sés, entre os artistas do Ouren Sound Fest que se celebra esta fin de semana en Benposta

Presentación do Ouren Sound Fest, en Benposta.

 

Tras dous anos sen se poder celebrar o Ouren Sound Fest no seu formato completo, este festival regresa na súa VII edición cun cambio de nome -sucede ao OurenRock- e cunha maior cantidade de xéneros -no cartel aparecen Tanxugueiras, Xoel López, Sés ou Rayden-, pero mantendo o tradicional punto de encontro deste festival, Benposta. E en Benposta tiña lugar esta mañá o acto de presentación do festival, que conta co patrocinio da Deputación de Ourense, da man do vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; e o director e o organizador do festival, Rubén Álvarez e Rubén Varela, entre outros.

“Despois de dous anos é un pracer recuperar a completa celebración do festival” salientou o vicepresidente segundo da Deputación, que lembrou coma o OurenRock “estivo presente en formato reducido en Ribadavia (2020) e a Insua dos Poetas (2021)” como exemplos que destacan o compromiso do goberno provincial por facer cultura, “unha función importantísima das administracións públicas” e, ademais, un “gran dinamizador económico e social da provincia”.

 

Gabriel Alén e Gabriel Álvarez, na presntación.

 

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, felicitou os organizadores polo cartel e destacou especialmente como “administracións e empresas privadas, a través da cooperación, facemos un Ourense mellor e permítenos seguir á cabeza do ámbito cultural, aproveitando o noso potencial”.

O director do festival, Rubén Álvarez, salientou o apoio constante da Deputación, “que leva apoiando a iniciativa dende 2018, e iso non hai que deixar de destacalo” e considerou que o Ouren Sound 2022 “vai ser un éxito”, estimando que o sábado 4.000 persoas daranse cita no recinto habilitado, mentres que en total durante o fin de semana achegaranse ata Benposta unhas 9.000 persoas.

Un festival multitudinario

O Ouren Sound Fest 2022 dará comezo mañá, venres 27 de maio, as 19:30 horas cun espectáculo de Hard GZ, rapeiro centrado na crítica social e continuas referencias a loita persoal e a vida na rúa. Despois da potente personalidade de Sés (21:20 horas) actuará Rayden (23 horas), participante na última edición do Benidorm Fest. Despois, Dakidarria (00:50 horas), Tandub (02:30 horas) e a Duendeneta (03:30 horas) -dj que tamén pechará a xornada do sábado-.

 

Tanxugueiras nun concerto no Barco./ Foto cedida.

 

O sábado 28, o festival comezará as 18 horas cun obradoiro oleiro e un luthier, no que se aprenderá a dar mantemento a unha guitarra ou baixo. A música regresará ós escenarios as 18:15 horas cunha actuación a cargo de La Quinkillada. A música en galego continuará durante toda a xornada, con Grande Amore (19:35 horas), Tanxugueiras (21:20 horas) e Xoel López (23 horas). Tamén estarán El Canijo de Jerez (01 horas) e Sexy Zebras (02:50 horas).

Como peche, o domingo 29 de maio celebrarase en Benposta unha sesión vermú de balde dende as 10:30 horas da mañá. Comezarán Las Cruzes & Chili Charles (11 horas) e seguirán Los Rastreadores (12:20 horas) e Mekanika Rolling Band (14:30 horas), recentemente gañadores do premio Cantalingua 2022.

 

Artigos relacionados

Back to top button