En portadaEntrevistasÚltima hora

Tarci Ávila: “Detrás desta viaxe hai unha aventura, de aí o éxito da canle”

Este valdeorrés conquista youtube co proxecto de pesca "La Ruta del Sargo", que vén de cumprir un ano e de estrear páxina web

O barquense Tarci Ávila, pescando sargos en Tagle (Cantabria).

 

O meu nome é Tarci Ávila. Pesco sargos, vivo nunha furgo e comparto as miñas aprendizaxes e aventuras. Deste xeito se presenta este barquense que cambiou a música e os escenarios polo mar e as canas en La Ruta Del Sargo, unha exitosa canle de youtube que cumpre un ano de vida e que roza os 9.000 seguidores. Con ela ten demostrado como a paixón pola pesca pode converterse non só nunha profesión, senón nun modo de vida, tras percorrer ao longo de doce meses a costa galega completa, Asturias, Cantabria, País Vasco, o sur de Francia, Portugal e as Illas Canarias na procura do prezado sargo.

“Esta canle diferénciase moito de calquera outra que haxa de pesca por estar centrada nunha única especie, que é o sargo, e pola aventura en si, xa que detrás desta viaxe hai unha historia, uns retos de conseguir pescar en sitios tan lonxanos. E aí reside o éxito do proxecto”, resalta Tarci Ávila por teléfono dende a illa canaria de El Hierro.

Esta iniciativa, que rebosa vitalidade, está a medrar en ámbitos moi diversos. “Para celebrar este primeiro aniversario vimos de inaugurar unha web www.larutadelsargo.com con diversos contidos como unha escola do sargo, cunha parte de contido de pago. Será como un curso no que ir de cero a cen na pesca deste peixe, dende non ter nin idea ata aprender como planificar unha xornada de pesca e sacar a captura da auga. Na web tamén reúno todos os lugares onde pesquei e haberá un apartado de tenda”, adianta Ávila. O que aínda non ten decidido é cal será o seguinte destino da súa viaxe, pero valora dar o salto a outro continente. “Teño tantos obxectivos en mente que aínda non o sei. Antes de emprender a seguinte viaxe vou volver unha tempada a Galicia, e despois seguramente repase algunhas zonas que me quedaron por facer no Cantábrico para logo pensar se a ruta vai seguir Europa para arriba ou África para abaixo”, comenta.

¿Como entraches no mundo da pesca?

Realmente a pesca é unha das miñas maiores paixóns dende neno, se ben é certo que nunca fun un gran pescador, tiña diferentes canas e facía diversos tipos de pesca. Inicieime no río Sil, logo ía ao lago de Carucedo ou a Vilamartín. E xa con 21 anos trasladeime a vivir á costa, sobre todo ás Rías Baixas, e aí comecei a practicar pesca de mar.

Esta paixón convertíase dende o 2021 nunha forma de vida…

Si, non se pode explicar mellor. Vimos que o proxecto musical de Presumido xa chegara a onde pensamos que tiña que chegar e, ao final, a vida son etapas e se te quedas un pouco escasquillado nunha delas deixas de lado a posibilidade de meterte noutras historias que tamén che apetecen moito. Tras Presumido entrei no mundo das bandas sonoras, compuxen unha para un documental e a miña idea era seguir por aí, pero camperizando a furgoneta e montando un miniestudio nela para poder traballar viaxando, ao mesmo tempo que estaba preto do mar e practicaba a pesca. E así empecei, pero foi montar a canle de youtube La Ruta Del Sargo e á semana xa tiña 500 seguidores, e ás dúas semanas varias oferta de patrocinios. Entón decateime de que isto ía en serio e a partir de aí o proxecto foi medrando exponencialmente, así que decidín botarme directamente á piscina do mundo profesional da pesca, igual que no seu día o fixen no da música, convertindo o que era unha afección nun traballo.

¿A base inicial do proxecto era a pesca do sargo?

Si, é a miña pesca favorita e teño a sorte de que é un peixe que practicamente se estende por todo Atlántico, Cantábrico, Mediterráneo… o que, á vez, dame bastante gasolina para poder levar o proxecto tan lonxe como queira. Aínda me quedan moitísimos países e zonas por explorar na procura do sargo, no caso de que queira seguir por ese lado. Agora estou empezando a abrir un pouco a man e elaborando algún vídeo intercalado con outro tipo de pesca, pero realmente o sargo é o centro.

Moitos seguidores valoran de xeito especial a completa e clara información que das, fronte a outras canles.

A pesca é un mundo moi hermético. No fondo eu creo que é unha sorte non ser descendente de pescadores, eu son do interior. Todo o que rodea ás artes de pesca do sargo, todos eses lugares, técnicas e costumes son coñecementos que foron pasando de pais a fillos, e resulta moi difícil, se non tes a alguén na familia ou a un amigo moi cercano que se preste a axudarte, conseguilos. Eu intercalo capítulos sobre a propia aventura, puras xornadas de pesca, con tutoriais, algúns son monográficos de temas relacionados coa pesca do sargo, con trucos, aparellos, cebos… E iso valórao moito a xente.

Ademais con este proxecto tiña ganas de darlle un lavado de cara ao que socialmente se coñece da pesca que, en xeral, os profanos interpretan como algo ofensivo coa natureza. E iso non o fago só falando, senón coas miñas accións e sendo coherente, eu practico case sempre a captura e solta. Nin son vegano, nin estou en contra dos que levan o peixe. De vez en cando eu levo un sargo para cear, pero o resto devólvoos e iso vese nos vídeos. Tamén colaboro co Instituto Español de Oceanografía marcando sargos. Intento amosar esa outra cara e abrir a pesca, porque é algo que resulta apaixoante. Ao mesmo tempo, trato de facer divulgación para o gran público, de feito algo que me sorprendeu moito dende o principio foi que esta canle chegou moito a xente que nin sequera pesca.

 

O valdeorrés Tarci Ávila cun dos sargos que leva capturado ao longo do seu ano de proxecto.

 

A clave desta afección non é a captura en si, senón como se chega a ela…

Claro, é a loita contra o peixe, a argucia, a vista, porque esta especie ten unha vista privilexiada. E logo quizais o máis destacado desta pesca é que o sargo na costa continental aliméntase basicamente de percebes, mexillóns, cangrexos… que están pegados ás pedras nos acantilados, nas rompentes, nas zonas moi batidas. É dicir, os lugares onde se pesca o sargo son os mesmos sitios onde vemos aos percebeiros, polo que acceder a eles resulta xa de por si unha aventura, hai que darse unhas pateadas considerables, baixar por cantís, coñecer moito o mar, ter un coidado extremo…

Ademais da parte de pesca en si, está o proceso de gravación de cada un dos vídeos, ¿resulta complexo?

Ten a súa complexidade. Fago xornadas moi longas de en torno a 8 horas por vídeo, nas que ao final estou pescando unha hora e media ou dúas. Cada 15 minutos tes que cambiar unha tarxeta de memoria ou unha batería, ou cambiar de lugar algunha das cámaras… Ademais de pescar, hai que estar pendente de todo iso. E non só gravo a pesca, hai moitísimos recursos de paisaxe e, cando chego á furgoneta, dedico unhas 16 horas a seleccionar todas as gravacións, que son entre 200 e 300 por xornada. Teño que organizalo todo, tirar o que non me interesa, etiquetar, editar… Veñen sendo unhas 30 horas de traballo por vídeo, e todo se ralentiza polo feito de estar na furgoneta porque hai uns límites de enerxía e de conexións. Finalmente hai que subir o vídeo a youtube, o que tamén ten a súa dificultade porque ao mellor falla a cobertura ou non tes datos, entón vas a un bar e ao mellor péchano cando tes o vídeo a medio subir… Non é nada doado.

 

Tarci Ávila na furgoneta na que vive.

 

Neste ano de proxecto, ¿que aprendiches?

A parte de moitísima humildade, decateime de que na pesca, como noutros moitos ámbitos da vida, hai moito talibán, persoas que cren que as cousas son como pensan eles e que a forma na que eles resolven problemas é a única válida. Este proxecto abriume moitísimo a mente, coñecín a pescadores tan brutais, tan bos, tan auténticos mestres en lugares tan distintos e resolvendo os mesmos problemas de forma tan diferente, que me resultou incrible. De feito, esa escola de sargo que imos ter na web é o resultado da miña aprendizaxe de cada un deles e de poñer a proba os seus coñecementos noutros lugares totalmente distintos, algunhas cousas funcionan e outras non. Puiden chegar a crear o meu propio método en base a ese conxunto de coñecementos. E, a nivel humano, atopeime cos brazos abertos en case todos os lados, con moito cariño e con persoas fantásticas.

Entón non te arrepintes de ter iniciado esta viaxe…

Creo que na vida non hai nada gratis, estou vivindo un soño dedicado por enteiro a unha paixón, pero o prezo a pagar tamén é moi alto: un ano enteiro duchándome en auga fría, estar enfermo nunha furgoneta, estar a 40 graos en verán ou a 5 baixo cero no inverno… Iso tamén está aí, ollo, non é todo a foto de Instagram.

Texto: A.R.

Fotos: La Ruta del Sargo.

Máis información:  www.larutadelsargo.com

Artigos relacionados

Back to top button