CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Tarde de maxia e risas co Mago Teto, na Rúa

O Centro Cultural Avenida acollía o segundo espectáculo desta edición do programa “Terra Máxica”

Para maiores e tamén para nenos. A maxia non ten límite de idade pero parece que na Rúa, son os máis pequenos os que teñen predilección polo ilusionismo. Polo menos así o demostraron os numerosos cativos (algúns acompañados polos papás, mamás ou avós) que na tarde do 9 de abril asistían ao espectáculo do Mago Teto.

De feito, o mago tivo que cambiar algúns dos trucos xa que os espectáculo previsto “25 anos de Tolemaxias”, está máis orientado ao público adulto. Aínda así a improvisación é un dos fortes deste profesional do ilusionismo natural de Viana do Bolo e en algo máis dunha hora, encandilou a nenos e maiores. Fixo trucos con cartas, con móbiles, con aneis e mesmo cos emoticonos do WhatsApp, ademais de contar historias que fixeron rir e desfrutar a todos os presentes. Algúns, incluso lle pediron un autógrafo.

A actuación do Mago Teto é a segunda que acolle o Centro Cultural Avenida, dentro do programa “Terra Máxica” no que colaboran cinco concellos da provincia de Ourense. A seguinte cita na Rúa será o domingo día 25 co espectáculo “Volta á maxia” do mago Dani García.

Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button