CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Tarde de xogos, pintura e música á beira do río no Mini SilFest

Magín Blanco presentou en directo o seu novo traballo infantil, Camiños

Un dos atractivos desta terceira edición do SilFest, o festival á beira do Sil no Barco de Valdeorras, é a especial atención aos máis pequenos creando un festival paralelo adicado a eles. Así, numerosos cativos de entre 3 e 15 anos desfrutaron na tarde do venres 20 de xullo de diferentes actividades: obradoiros para facer limonada e tamén de pintura para colorear o cartel do festival; rocódromo e tirolina; hinchábeis,… Tamén pasaron un rato entretido coa actuación de Magín Blanco, o cantautor rues que visitou O Barco para presentar o seu novo traballo Camiños.

E mentres os nenos xogaban no escenario Mini SilFest, no escenario D.O. Valdeorras os músicos afinaban instrumentos e poñían a tono as voces para os concertos da sesión de noite. E para que os maiores poidan desfrutar das actuacións musicais, tamén como novidade este ano as actividades infantís alongaranse ata medianoite cun karaoke infantil o venres e a última película de Disney, Coco o sábado. Nestas actividades os nenos estarán supervisados polas monitoras da organización.

Mañá, sábado 21 de xullo, os nenos poderán volver desfrutar do Mini SiFest con outras actividades, especialmente pensadas para eles, dende un obradoiro de cestería ata xogos tradicionais en familia, entre outros.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button