CulturaCulturaÚltima hora

Teatro, música e poesía para desfrutar das ‘Noites de Florencio’ en Vilamartín de Valdeorras

O programa de verán en homenaxe ao autor das Letras Galegas 2022, percorrerá as parroquias da vila con actuacións, entre outros, de Candido Pazó, Paco Campos, Fátima Delgado, Anxo Baranga, Lucía Aldao e María Lado

Presentación, na Aira dos Bolos de Córgomo, do programa das ‘Noites de Florencio’.

 

O teatro, a palabra e a música que unha vez reivindicaron a figura de Florencio Delgado Gurriarán nas noites de verán en Córgomo recuperan protagonismo no ano no que toda Galicia homenaxea ao poeta. O proxecto das Letras de Florencio e máis o Concello de Vilamartín, co apoio da Consellería de Cultura, poñen en marcha ‘As Noites de Florencio’, cunha programación que durante os meses de xullo e agosto percorrerá as aldeas de Vilamartín de Valdeorras, tendo como epicentro a Aira dos Bolos de Córgomo.

A apertura correrá a cargo de Candido Pazó. O actor e dramaturgo estará en Córgomo este domingo 3 de xullo ás 20 horas co seu espectáculo Eu non digo nada. Un día antes, o sábado 2 de xullo, comezará o obradoiro de teatro encontro para rapazada dirixido por Amparo R. de Dios e para o que xa está aberta a inscrición no Concello de Vilamartín.

 

Débora Álvarez, Enrique Álvarez, Margarida Pizcueta, Anxo Baranga e Raquel Bautista, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

 

Despois, cada fin de semana haberá música, poesía, teatro ou cine, con espectáculos como Florencio sen fronteiras da compañía Arraianos, as Cantarenas na noite de Paco Campos ou Furia necesaria de Aldaolado. Temén teñen forte presencia os artistas locais, con Fátima Delgado, Jorge Moral e Anxo Baranga. O xoves 28 de xullo, nas festas da Santa Marta, haberá por Córgomo un serán poético a cargo do Colectivo Barulla e o domingo 31 representaranse as pezas teatrais resultantes do obradoiro infantil.

Case un mes máis tarde, o 19 e 20 de agosto será o turno de Anxo Baranga quen voltará actuar no Córgomo que tanto axudou a poñer no mapa cultural xunto coa Agrupación Teatral Os Furafollas. Estas Noites de Florencio pecharanse cun concerto de Sr. Jingles e unha actividade para nenos e nenas na aldea de Cernego, onde poderán participar dun xogo de pistas ao estilo dos scape room.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button