ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Teatro transformador, música e lectura de manifestos, entre os actos do 25N no Barco

Ás 12h. tiña lugar unha concentración na praza do Concello á que asistían numerosas persoas

 

“Dende 2003 foron asasinadas no Estado 1.117 mulleres e 44 nenas e nenos. Desde 2019 interpuxéronse 1.743.680 denuncias por violencia de xénero e 452.095 ordes de protección, e 652.795 mulleres recibiron o apoio dos Corpos e Forzas de Seguridade a través do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero VIOGEN”. Son algúns dos datos que a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, daba na lectura do manifesto institucional co que remataba a concentración de repulsa en contra da violencia de xénero, no mediodía deste xoves 25 de novembro.

O acto, celebrado na praza do Concello e presentado polo concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, comezaba coa iluminación simbólica do concello en memoria das mulleres asasinadas, con especial mención a Leticia Magali Sanabria Romero, que falecía hai uns meses. De seguido, o teatro transformador de Sabela, Fran, Guti, Rocha, Manu e Amparo, escenificaba micro machismos, tratando de forma breve e coa interacción do público, diferentes posturas sobre a muller, o home e as situacións que viven uns e outros.

 

Escenificación de micro machismos.

 

Como en anos anteriores, a mocidade tivo o seu protagonismo con representantes dos institutos do Barco (Divina Pastora, Lauro Olmo e Martaguisela) lendo os seus propios manifestos. Textos nos que lanzaban mensaxes de repulsa e tamén ánimo, resaltando a fortaleza da muller e falando incluso do falso paralelismo entre machismo e as Leis de Newton.

O apartado musical do acto corría por conta dun dúo de guitarra clásica e electrónica a cargo de Aitana Rodrígues e Andrea Velasco; pechando o acto a lectura do manifesto co que cada 25 de novembro, os grupos políticos con representación no Concello do Barco de Valdeorras se suman á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, “compartindo a dor de tantas mulleres que sofren violencia, das súas fillas e fillos, nais, pais, familiares e amizades”.

O programa continúa esta tarde coa proxección do filme Volver a Empezar no Teatro Lauro Olmo en colaboración co Cine Club Groucho Marx. A entrada será de balde ata completar aforo e haberá dúas sesións as 19 e ás 21 horas.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button