EconomíaEconomíaÚltima hora

A Tecnópole celebra o seu 25 aniversario falando de industria 4.0 e internacionalización

O Parque Tecnolóxico de Galicia xera máis de 200 millóns de euros ao ano que implica o 0,5% do PIB galego
Alberto Núñez Feijóo. // Foto: Carlos Asensio.

O Parque Tecnolóxico de Galicia, coñecido como Tecnópole, celebrou hoxe, 20 de outubro, o seu 25 aniversario, rendendo homenaxe ás máis de 300 empresas que acolleu durante todo este cuarto de século. “Foi aló polo 1992 cando o presidente Manuel Fraga inaugurou estas instalacións e agora é todo un referente”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Neste acto, ademais do presidente, estiveron presentes diversas autoridades como o conselleiro de Economía, Industria e Emprego, Francisco Conde; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outros.

Ao acto acudiron diversas personalidades políticas. // Foto: Carlos Asensio.

Antes da celebración do acto institucional, o presidente da do Goberno galego descubriu unha placa para lembrar este sinalado día.

A primeira en falar foi a directora da Tecnópole, Luisa Pena Nieto, que asegurou que en todo este tempo “a Tecnópole exerce a súa función primordial como primeiro viveiro de empresas de Galicia”. Reiterou que os sectores estratéxicos da industria galega traballan para adaptarse ao novo modelo de industria 4.0 “no que tamén os acompañaremos no seu percorrido de máis innovación, dixitalización e máis emprego cualificado”. Reiterou que “o talento e a innovación presentes na Tecnópole son materia prima da industria 4.0 que se abre paso en Galicia”, asegurando que a institución que dirixe “está contribuíndo a facer prosperar a innovación e o talento na industria galega”.

 

Placa conmemorativa do 25 aniversario ao lado da descuberta por Manuel Fraga na inauguración en 1992. // Foto: Carlos Asensio.

Pola súa banda, o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, asegurou que a Tecnópole xogou un papel activo de axente dinamizador da vila “creando máis de 1.000 postos de traballo”. O rexedor municipal reiterou que este Parque Tecnolóxico é o primeiro de Ourense en xerar valor bruto empresarial e o cuarto de Galicia. Asemade, apuntou que xera máis de 200 millóns de euros ao ano “o que implica o 0,5% do PIB galego”.

Alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández. // Foto: Carlos Asensio. 

Nesta mesma liña falou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que reiterou que “o emprazamento da súa sede en San Cibrao proba que o rural pode albergar industria, emprendemento, emprego e innovación”. Feijóo lembrou que “as case cen hectáreas de solo industrial que abrangue a Tecnópole dan cabida a máis dun centenar de empresas e a cinco centros tecnolóxicos”.

O xefe do executivo galego dixo que este parque conta, ademais, cun Centro de empresas e innovación que funciona como incubadora de novos proxectos, dispón dun Laboratorio de biotecnoloxía, dun Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e dun Centro experimental de enerxías renovables. “Estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”, resumiu.

Feijóo falou tamén da internacionalización empresarial galega: “no que vai de ano as exportacións de Galicia creceron un 8,4% con respecto ao 2016, o que proban que Galicia conta cunha industria competitiva”. Non en van, aínda quedan cousas por facer. Un deses proxectos pendentes é o da conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas (onde está situada a Tecnópole) coa A-52. Segundo explicou Feijóo, “estamos a piques de licitar o proxecto no mes de novembro e esperemos que o vindeiro ano arranquen os traballos”. Este proxecto conta cun investimento de 24 millóns de euros. “O noso obxectivo é seguir traballando por un polígono e un Ourense máis competitivos”, dixo.

Sen saíres dos proxectos, Feijóo aseverou que a Xunta “seguirá apoiando ás empresas para que integren a innovación e a tecnoloxía no seu día a día” e nomeou iniciativas como as 24 Unidades Mixtas de investigación e a Rede de Aceleradoras. Neste senso, o presidente referiuse á colaboración entre a Tecnópole e Agrobiotech para fomentar proxectos relacionados coa biotecnoloxía, a agroalimentación ou a biomasa e no que “dez proxectos desenvolveranse nesta segunda edición e, a vindeira semana, este parque empresarial será a sede do II Encontro multisectorial Agrobiotech”, anunciou.

Tras as intervencións políticas, o acto continuou cunha serie de actividades centradas nas empresas. Por exemplo, o mago Kiko Pastur ofreceu un espectáculo no que presentou as últimas tendencias en “neuromárketing” e o “coacher” Daniel Álvarez Lamas ofreceu consellos para crear un equipo de emprendedores internos nas empresas.

No eido da industria 4.0 ou a transición enerxética, houbo unha mesa redonda na que participaron representantes de Coasa, Egatel, Coren CTI, Conexiona, Novelle y Fernández Ingeniería e esEnRed, empresas presentes na Tecnópole.

Para finalizar, os asistentes tiveron a ocasión de compartir contactos e experiencias, co obxectivo de estreitar lazos entre as empresas e centros de coñecemento que formaron e forman parte da traxectoria do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close