OurenseÚltima hora

Tecnópole será un dos homenaxeados na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

Recibirá en Santiago o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG pola súa vocación na divulgación científica entre os máis novos

 

Inaugurado en 1992 en San Cibrao das Viñas, en Ourense, Tecnópole desenvolve diversos proxectos e promove actividades e será un dos homenaxeados na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará a finais de novembro en Santiago.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de outorgarlle o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” pola súa aposta pola divulgación científica entre os máis novos, co fin de espertar vocacións e incentivar o seu espírito emprendedor.

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006, co obxecto de achegar a ciencia á sociedade. Organízase un certame científico para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, como punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que a Tecnópole pon á súa disposición durante tres días no mes de maio.

 

Participantes no programa ciencia e tecnoloxía en feminino.

 

Tamén para achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade, pero desde unha óptica artística e creativa, Tecnópole ten o programa STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 e 11 anos. E nesta liña, tamén dispón das Aulas Tecnópole, pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. Nestas actividades, os participantes realizan investigacións, constrúen robots programables, voan drons e deseñan instalacións artísticas.

E como actividade innovadora neste ano marcado pola covid-19, a Tecnópole convocou este verán o primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia. O T2 W –Tecnópole Technological Workshops–, que ata esta oitava edición fora presencial, destínase a mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos.

A gala máis importante da informática en Galicia modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, cando finalmente será o acto no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Artigos relacionados

Back to top button
Close