En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Temos moitos recursos que mimar e poñer en valor na provincia de Ourense”

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacaba o potencial da natureza e da paisaxe do Xeodestino Manzaneda-Trevinca na inauguración do Centro de Visitantes da ZEC Pena Trevinca, en Ponte

 

Co son da Banda de gaitas da Veiga e do seu grupo de pandeireteiras comezaba o acto inaugural do Centro de Visitantes da ZEC Pena Trevinca na localidade veiguesa de Ponte. Un acto que contaba coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen incidía no potencial turístico da única provincia de Galicia sen litoral: Ourense. “Témola que seguir poñendo en valor xa que dispoñemos de moitísimos recursos que seguir amando e mimando”.

Neste senso, Castro aludía en concreto ás posibilidades do Xeodestino Manzaneda-Trevinca, no que se sitúa este novo centro de interpretación da montaña. “Se falamos de medio natural, sen dúbida, temos que destacar o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), que é un tesouro natural de máis de 3.000 hectáreas cunhas excelentes colonias de morcegos, outro é o Val do río Navea (na comarca trivesa), cun bosque de especies auctóctonas e o Macizo Central ourensán, onde se atopa a vila de Manzaneda. Ademais, sen dúbida, debemos destacar o espazo declarado Rede Natura Pena Trevinca, un paraíso que atesoura o pico de maior altitude de Galicia, con gran diversidade de flora e fauna”, indicaba. Aludía ademais ao seu reclamo como destino astronómico “Starlight”.

Referíase asemade ao novo centro de interpretación, froito dun convenio de colaboración co Concello, a través do cal, Turismo de Galicia achegou un total de 90.000 euros que permitiron o acondicionamento da contorna desta aldea, as obras de rehabilitación da Casa Escola, así como a instalación de cartelería informativa. “Un lugar no que cremos que é necesario este centro de interpretación para coñecelo, para amalo, para camiñalo e para conservalo”, dicía Nava Castro.

No acto tamén interviñan o alcalde da Veiga, Juan Anta, o profesor da Universidade de Santiago Valerià Paül, que ofrecía unha explicación do contido do centro; o astrofotógrafo Óscar Blanco, o técnico Enrique Freixeiro, de Segatur, quen falaba das tres novas rutas de alta montaña asociadas ao centro que se veñen de crear na Veiga; e o guía de alta montaña José Manuel Pérez Prego, quen será o encargado de pór en funcionamento as novas instalacións. “O obxectivo é impulsar Trevinca como un eixo fundamental, amosar a neve, os seus valores naturais, etnográficos… e darlle un impulso ao longo de todo o ano. Isto é un gran desafío”, destacaba Pérez Prego. Ao longo das intervencións tamén se agradecía de forma especial a colaboración do pobo de Ponte para levar á practica este proxecto.

A inauguración completábase co corte da cinta á entrada do centro e coa interpretación, a cargo do Grupo de saxofóns e da Coral veigueses do himno de Galicia, e cunha visita guiada polo interior. Ao acto asistían veciños e diversas autoridades como a deputada provincial de Turismo, e o xefe territorial da Xunta relacionado con esta área e concelleiros da Veiga, o anterior alcalde de Veiga, Edesio Yáñez, e funcionarios do Concello, así como o presidente da Federación Galega de Montaña; pero botábase en falta a presenza doutros alcaldes do entorno do Macizo de Trevinca así como de representantes dos diferentes clubs de montaña do oriente ourensán, á parte do Club O Trisquel de Trevinca, que si estaba.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close