DeportesÚltima hora

Tempada de pesca 2015, do 15 de marzo ao 31 de xullo

O DOG publica a orde na que se definen as normas para a captura de determinadas especies nas augas continentais de Galicia
Pescadores no Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.
Pescadores no Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

A tempada de pesca para o ano 2015 en Galicia, con carácter xeral, comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba hoxe 6 de xaneiro.

Unha das novidades que destaca na orde é o aumento de cotas nos ríos Lérez e Ulla para a captura do salmón. No primeiro dos casos, o Lérez, permítese a pesca de 15 exemplares (3 máis que en 2014); mentres que no caso do Ulla increméntanse en 10 máis, polo que se permite a captura de 60 salmóns. O período hábil para a súa pesca irá do 1 de maio ao 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura, establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. Destaca a subida das cotas nos ríos Lérez e Ulla, que pasan de 12 a 15 exemplares no primeiro e de 50 a 60 no segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmean.

Con respecto á pesca de troita, a tempada comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos conveniados prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio. Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de MeteoGalicia.

Artigos relacionados

Back to top button