OurenseÚltima hora

Tenaces romanas para extraccións dentais, Peza do Mes do Museo Arqueolóxico

A súa presentación será o 13 de abril ás oito da tarde na sala de exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco

 

Tenaces de ferro para extraccións dentais, atopadas no Campamento romano de Aquae Querquennae./ Foto: Fernando del Río.
Tenaces de ferro para extraccións dentais, atopadas no Campamento romano de Aquae Querquennae./ Foto: Fernando del Río.

O material metálico recuperado no campamento militar romano de Aquae Querquennae (na comarca ourensá da Baixa Limia) non é moi abundante, pero si suficientemente significativo. Dentro del hai diversos elementos de carácter médico-cirúrxico como son unhas tenaces (forceps, rhizagra) para realizar extraccións dentais. Este obxecto vén de ser escollido como Peza do Mes en abril polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A súa presentación está prevista para o mércores 13 de abril ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A entrada é libre e a explicación sobre este obxecto romano correrá a cargo de Tomás Vega Avelaira.

As tenaces están compostas por “dous brazos de ferro con forma de valvas na súa parte distal unidos mediante un remache de bronce. Este sinxelo instrumento odontolóxico ten unha lonxitude de 16,6 cm”, segundo a descrición que delas fai Vega Avelaira na publicación que edita o Museo sobre esta peza.

Nese mesmo texto tamén se establecen paralelos entre estas tenaces e outras semellantes localizadas en escavacións nos campamentos militares de Saalburg (Alemaña) e Vindonissa/Windisch (Suíza), ademais de nas necrópoles de Luzzi (Italia) ou Emerita Augusta/Mérida.

Con respecto á datación deste instrumento médico, que forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Vega Avelaira enmárcaa no período de ocupación do campamento. “Segundo as investigacións en curso, a cohorte III estivo ao completo no forte de Aquae Querquennae durante un período de tempo reducido, comprendido entre o inicio da época flavia (69-79 d.C.) e o final do mandato de Traxano, sendo posible unha ocupación residual durante o comezo do goberno de Adriano (ata c. 120 d.C.)”.

Artigos relacionados

Back to top button