En portadaGalerías de fotos

Tendal xigante en defensa do galego, no Malecón barquense

Estará instalado ata o vindeiro 24 de maio e con el pretende promocionarse o uso desta lingua

Centos de camisetas de cores con palabras en galego, algunhas mesmo formando frases, abanéanse co vento dende a tarde do 18 de maio no Malecón do Barco. Deste xeito o galego sae á rúa na vila e faino ademais de man dos rapaces barquenses, que elaboraron con sumo mimo estas prendas deseñando debuxos e escollendo para eles verbas en galego, algunhas tipicamente valdeorresas.

Este tendal xigante, que envolve boa parte das árbores do centro do Malecón, é unha das actividades incluídas na campaña “Pon de moda o galego!”, na que por primeira vez se unen O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e os colexios e institutos públicos da vila no marco da celebración do Día das Letras Galegas.

A iniciativa estase a desenvolver dende o 11 de maio e continuará ata o día 24 de maio con máis propostas. Nela participan de cheo o alumnado, profesorado e equipos de dinamización lingüística dos IES Martaguisela e Lauro Olmo, dos CEIPs Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa e Otero Pedrayo (O Barco), así como o de Rubiá; ademais dos establecementos asociados ao CCA.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button