En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Tendal xigante no Malecón do Barco para homenaxear a Antonio Fraguas

Está formado por centos de camisetas realizadas polo alumnado dos colexios e institutos barquenses que traballou arredor do traxe tradicional galego, un dos eidos sobre os que investigou o autor pontevedrés

Arredor das cinco e medio da tarde do 15 de maio, profesores e tamén algúns estudantes dos centros educativos do Barco comezaban no Paseo do Malecón a montaxe do que, horas despois, se convertía nun xigantesco tendal con centos de camisetas elaboradas polo alumnado dos colexios Otero Pedrayo de Viloira, Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa e Divina Pastora, así como polo dos institutos Martaguisela e Lauro Olmo. Con esta singular iniciativa a comunidade educativa pretende compartir e levar á rúa o traballo desenvolvido nos centros para conmemorar a Antonio Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano 2019.

Esta actividade titulada “Antón Fraguas: presume de prenda, presume de lingua” céntrase na promoción e estudo do traxe tradicional galego nas súas múltiples variantes locais e, tamén cronolóxicas. Os estudantes plasmaban, de diferente xeito en camisetas brancas as diversas prendas da vestimenta tradicional, pero tamén a diversidade lingüística das mesmas. A iniciativa foi coordinada dende os equipos de Dinamización Lingüística dos centros educativos do Barco.

Agora ese labor de investigación e tamén creativo pode admirarse nesta singular pasarela ao aire libre, que xa percorrían na tarde do 15 de maio numerosas persoas. Este fermoso e orixinal tendal poderá verse ata finais deste mes.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button
Close