OurenseÚltima hora

Termatalia 2022 reunirá en Ourense a caficultores de distintos continentes para promocionar o café tostado en orixe

A 'World Coffee Challenge' celebrarase de forma paralela e complementaria á feira, entre o 29 e o 30 de setembro

 

Termatalia, Feira Internacional de Termalismo, foi elixida sede para a celebración do I concurso internacional de café tostado en orixe, o World Coffee Challenge, un evento que empodera aos produtores de café e que reunirá en Ourense a caficultores de distintos países co obxectivo de “promocionar a calidade do café tostado en orixe, un produto que promove a sustentabilidade e a ética comercial”, puntualizan dende Expourense, adiantando que se celebrará de forma paralela e complementaria á feira nos días 29 e 30 de setembro 2022.

 

 

Trátase dun concurso organizado pola start- up francesa alternative.cafe que avoga por un novo modelo de café “da planta á cunca”. O World Coffee Challenge reunirá durante dous días, no marco de Termatalia, aos mellores produtores de café de América do Sur e Central, África, Asia e Oceanía. O obxectivo principal deste concurso é “achegar ao produtor e ao consumidor” e ao mesmo tempo “educar aos consumidores sobre o café, facer que aprecien as calidades organolépticas dos cafés tostados en orixe e a diversidade dos terruños cafeteiros, facer que valoren a transmisión de experiencias” e tamén “axudar aos produtores para comunicar e comprender as expectativas do mercado; fomentar iniciativas locais que promovan a calidade e mellores prácticas sociais e ambientais ( RSE), crear conciencia sobre o interese das designacións xeográficas nos territorios cafetaleros para protexer o produto procesado localmente”.

 

 

O xurado deste concurso estará presidido pola directora da Cata Internacional de Augas de Termatalia, Mercedes González Rodríguez, que é experta en análise sensorial e organoléptico. Entre o resto de compoñentes poderán atoparse profesionais do café (baristas, distribuidores…) e profesionais do gusto (chefs, catadores, afeccionados ilustrados…). Os mellores cafés do mundo, ben sexan Arábica ou Robusta, serán premiados no acto oficial ao que asistirán representantes institucionais de Galicia, así como diplomáticos dos países produtores.

Artigos relacionados

Back to top button