EconomíaEconomíaSen categorizar

Termatalia promociónase en México

Esta feira internacional vén de ser presentada como proxecto que engloba ao turismo de saúde mundial en tres estados do país azteca
Un dos actos de presentación de Termatalia en México.
Un dos actos de presentación de Termatalia en México.

O 1º Simposio de Turismo de Saúde e Benestar de Coahuila, celebrado en Termas de San Joaquín (México), acollía a presentación da traxectoria da Feria Internacional de Turismo Termal, Termatalia. Este encontro tiña por obxectivo impulsar e desenvolver o potencial turístico que pode xurdir do aproveitamento dos recursos termais e da talasoterapia nun país con máis de 11.000 kilómetros de litoral.

Na cita participaron como ponentes o director de la feira Termatalia, Alejandro Rubín, a directora de Relacións Internacionais, Emma González, o senador e vicepresidente da Comisión de Sanidade no Parlamento Español, Francisco José Fernández Pérez, e a deputada galega e experta en termalismo, Carmen Pardo.

“Unha mostra do interese das autoridades turísticas de Coahuila por desenvolver os seus recursos termais foi o feito de que a delegación de Termatalia foi recibida polo secretario de Turismo, Luis Alfonso Rodríguez Garza, e polos portavoces de todos os grupos políticos que integran o Congreso do Estado Independente, Libre e Soberano de Coahuila de Zaragoza que confirmaron a participación deste estado na próxima edición de Termatalia, que se celebrará en Termas de Río Hondo, na Arxentina, entre o 2 e o 4 de outubro de 2014”, destacan dende Expourense.

A promoción de Termatalia en México incluía asemade unha visita ao Estado de Morelos, onde os directivos da feria foron recibidos polo secretario de Turismo, Jaime Álvarez Cisneros, quen tamén amosaba o seu interese por que este estado teña representación en Termatalia para contribuir á súa promoción mundial como destino termal posto que nel se atopan dende balnearios tradicionais, como o de Agua Hedionda, ata modernos complexos spa como o de Las Mañanitas en Cuernavaca, a capital de Morelos, moi preto da capital do país.

A presenza de Termatalia en importantes eventos relacionados co turismo de saúde en México, contemplou, entre outras actuacións, a presentación dunha comunicación científica sobre Termatalia e a cidade de Ourense como proxecto innovador e caso de éxito no 2° Foro de la Red Global do Coñecemento (UNTWO Knowledge Network Global Forum) organizado pola Organización Mundial do Turismo, OMT, na Universidade de Anáhuac, na Cidade de México. Esta comunicación resultou moi ben valorada polo comité científico da OMT.

Fotos cedidas dende Expourense

Representantes de Termatalia no congreso de Coahuila.
Representantes de Termatalia no congreso de Coahuila.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button