OurenseÚltima hora

Termatalia resalta o turismo de benestar como un dos sectores de maior crecemento

A Feira Internacional de Turismo Termal celebrou hoxe o seu acto de inauguración en Expourense

Expourense vestiuse hoxe, 21 de setembro, de gala para acoller a cerimonia de inauguración de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que xunta a máis de 260 profesionais de 28 países en Ourense. Nesta décimo sétima edición México é o país convidado, por seres o organizador do salón o pasado ano, e todos os relatores neste discurso inaugural tiveron palabras de apoio con este país debido ao terremoto acaecido esta semana.

As diferentes autoridades estatais, autonómicas, provinciais e locais estiveron presentes neste acto, así como os representantes das diferentes delegacións dos países convidados. Todos os relatores salientaron a importancia deste tipo de turismo “en crecemento”. O presidente de Expourense , Alejandro Rubín, asegurou na súa intervención que estes 28 países “fan posible que Termatalia leve a Galicia e a Ourense por todo o mundo”.

Neste senso, o presidente da Asociación Nacional de Balnearios, Alejandro Mirones, destacou que “a colaboración público-privada é a mellor fórmula de xestión dos recursos turísticos”. Mirones aseverou que o turismo de saúde e benestar é un dos sectores “con maior crecemento en España e en Galicia”. En concreto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou que este tipo de turismo “está a actuar como importante dinamizador da economía galega”, destacando Ourense como referente do termalismo en España.

Esta afirmación quedou avalada polos datos achegados por Antonio Ortiz, representante da Secretaría de Estado de Turismo, que desculpou a ausencia da Secretaria, Matilde Pastora, que tivo que ir a Canarias polo incendio forestal que asola Gran Canaria. Ortiz asegurou que no 2016 “máis de dous millóns de turistas realizaron actividades relacionadas co turismo termal en España, cun gasto medio por persoa de 1.200 euros”.

Pero no eido da colaboración das institucións públicas no termalismo, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quixo destacar que nos orzamentos do 2018 “apostamos novamente polo termalismo” e anunciou a apertura do balneario de Berán.

Pero este salón tamén naceu coma ponte entre España e Latinoamérica do sector termal. Neste senso, o secretario de Turismo do Estado de Coagüila (México), José Carlos Rojas, asegurou que grazas a Termatalia “aprendimos a xestionar os nosos recursos termais na nosa comunidade para darlles valor e desenvolver a nosa economía”.

Precisamente o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, coincidiu en dicir que o termalismo é un dos motores da capital e “esta cidade está disposta a proclamarse potencia termal”, asegurou, “porque este é o Ourense que queremos construír a medio prazo”.

Por diante quedan dúas xornadas de traballo, negocios, ocio e transmisión de coñecementos entre os diferentes axentes turísticos en Expourense. Asemade, os profesionais poderán gozar do potencial termal da provincia.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button