CulturaCulturaÚltima hora

“The Funkles” versionarán aos Beatles en galego no Beatleweek Festival en Liverpool

O grupo, formado por cinco rapaces e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ofrecerá sete concertos entre o 25 e o 28 de agosto nos principais escenarios do festival
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, co grupo.

A banda “The Funkles”, que versionan aos Beatles en galego, participará no International Beatleweek Festival de Liverpool, que se celebra a finais de agosto. Así o anunciaba na mañá do 22 de agosto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que estivo acompañado por integrantes da dita formación nunha rolda de prensa. Cómpre resaltar que esta banda, composta por catro mulleres e un home, naceu en 2015 co obxectivo de renderlle tributo desde o funk/soul á banda británica de pop/rock con máis sona da historia da música.

O International Beatleweek Festival trátase da convención de temática beatle máis importante do mundo, que se vén celebrando dende hai máis de 30 anos, e que reúne a máis de 70 bandas chegadas de máis de 50 países diferentes. O festival reúne a milleiros de visitantes cada ano, que poden asistir a concertos durante todo o día, ou a conferencias de personaxes que forman parte da historia dos Beatles tales como produtores, enxeñeiros de son, músicos, periodistas, fotógrafos, biógrafos… Completan as actividades un gran mercado de memorabilia e merchandising, e unha poxa onde se ofertan pezas de coleccionista.

Este ano anúnciase como un dos de maior afluencia da súa historia xa que conflúen varios factores: cúmprese o 60 aniversario de The Cavern, o 50 Aniversario do álbum St. Pepper´s Lonely Hearts Club Band, e celebrarase a última edición do festival tal como se coñece ata agora, posto que se adaptará aos novos tempos.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, durante a rolda de prensa co grupo.

 

The Funkles ofrecerán sete concertos entre o 25 e o 28 de agosto nos principais escenarios do festival, entre eles o mítico The Cavern.  A iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais de Galicia Calidade, que contará cun expositor de materiais promocionais de interese turístico informativo e divulgativo de Galicia no marco do evento.

Artigos relacionados

Back to top button