Mañá, vernes 22 de abril, arrancan as primeiras festas patronais da tempada estival na comarca de Valdeorras: as da Virxe da Encarnación en Sobradelo e as de San Xurxo en Vilamartín de Valdeorras.
No caso de Sobradelo será o concerto da banda de rock The Tetas’ Van a partir das 22:30 horas o que marquen o inicio oficial das festas, cuxo programa continuará na mañá do sábado día 23 cun pasarrúas a cargo da charanga Airiños de Caldelas. Ese día a festa e a verbena correrá por conta do grupo Claxxon.
Ao día seguinte, domingo día 24, en torno ás 10:30 a charanga Os Caliqueños farán un pasarrúas polo pobo, amenizando tamén a sesión vermú. Ese día a orquestra Fania Show será a encargada de amenizar a festa e a verbena cunha tirada de fogos de artificio prevista para as 22:30 horas.
E así chegaremos ao luns 25 de abril, día grande das Festas da Encarnación que contarán con pasarrúas a cargo da charanga Nova Terras de Trives que acompañará tamén á procesión coa imaxe da Virxe que sairá ás 12:30 horas seguida da santa misa, e a sesión vermú. Pola tarde, en sesión só de tarde, a oquestra Miramar convidará a bailar aos asistentes.