ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“The Timesounds”, coa música do verinés Jorge Godás, no Naktema Fest de Castrelo do Val

Esta é a primeira vez que se amosa en España este proxecto multimedia internacional froito da colaboración entre este compositor e o produtor ruso Vladislav Soldatenko

Tres meses despois que converterse en realidade sobre o escenario da Casa da Cultura de Mirny (Rusia), o proxecto internacional multimedia “The Timesounds” vén de presentarse por vez primeira en España no marco do Naktema Fest, na noite do 19 de xullo en Castrelo do Val.

Neste innovador espectáculo, froito de dous anos de traballo e colaboración entre creadores dos dous extremos de Europa (Verín e Mirny),  únese a música electrónica coa imaxe para contar unha historia que xungue o local co universal. Un proceso creativo de ida e volta que nacía de xeito inesperado a partir das fotografías do verinés Carlos Folgoso e da conexión que xeraba entre Vladislav Soldatenko, editor xefe de programas da televisión de Mirny (Almazny Kray TV), e Jorge Máximo Godás Limia, músico autodidacta e postprodutor na televisión galega, tamén natural de Verín.

Tras a súa exitosa estrea en Rusia , o proxecto vén recalar agora en España . O espectáculo, con música en directo de Godás e proxeccións, podía verse onte en Castrelo do Val, pero tamén se emitía en streaming por internet, o mesmo que na súa estrea en Rusia.

O seu limiar era un resumo en imaxes da viaxe a Mirny do pasado abril, cunha música composta por Godás para esta ocasión. Despois viña unha sorpresa. “Podía escoitarse un pequeno texto escrito por unha moza rusa Alena, á que coñecín en Mirny. É unha reflexión moi profunda sobre o que é e significa o tempo. Eu ambienteino, trateille a voz, fixen unha montaxe con reloxos e a iso chameille The Timepower. Resultou moi interesante é foi novamente un intercambio con Rusia, tendo a Vlad por detrás, unha idea moi bonita”, destaca Jorge Godás.

E antes de dar paso a “The Timesounds”, Godás facíalle unhas emotivas dedicatorias ao seu pai e a Raúl Fernández, falecido recentemente, e tamén lembraba a outro dos partícipes no proxecto, Carlos Folgoso. Neste traballo homenaxéase (a través da integración de imaxes, sons, textos acústicos e outros elementos) os grandes fitos da historia rusa tales como o xadrez ou a cosmonaútica. Nesta ocasión, Godás engadía un tema novo, “A transmisión”, sobre un “cosmonauta amigo de Gagarin que faleceu porque non se lle abriron os paracaídas”, di Godás.

Este compositor verinés está moi contento de poder amosar este traballo por vez primeira en España e manifesta o seu agradecemento ás persoas que nesta ocasión lle deron apoio técnico no escenario como foron Geno (Mike Wass) e Lino.

O espectáculo pode verse en:
https://www.facebook.com/naktema/videos/635318016980445/
(a partir do minuto 47)

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close