Na tarde deste 31 de outubro terá lugar nos establecementos do Barco a “I Xincana do Comercio Samaín 2019”. Esta nova iniciativa está promovida polo Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e nela participarán un total de 36 comercios. Ademais para animar a actividade está prevista unha flasmob a partires das 18h. na praza José Otero, sempre é cando non chova.
A xincana incluirá un total de 6 rutas, nas que os participantes deberán pasar por un mínimo de dous establecementos. O punto de partida será a praza do Concello barquense ás 17h. “O ganador será o que consiga o maior número de establecementos e, en caso de empate, o que teña máis establecementos en menor tempo”, matizaban dende a organización.
No seu decurso os grupos inscritos (formados por entre 2 e 8 persoas) terán que percorrer o maior número posible de establecementos, realizando unha proba sinxela. Os comercios estarán identificados no seu exterior e cada un dos grupos levará un pasaporte que terá que selarse en cada local tras superar a proba.
Este concurso establece tres premios: un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 200 euros, todos eles en vales de compra que poderán ser canxeados en calquera dos establecementos da campaña ata o 22 de novembro.
Fotos: A.R.