ConcellosÚltima hora

Todo listo para a segunda Noite Meiga en San Xoán de Río

A celebración terá lugar este venres, 22 de xuño, a partires das 21:45h.
Queimada na anterior edición da Noite Meiga en San Xoán de Río.

San Xoán de Río é un concello diferente. Dos 313 concellos que hai en Galicia, é o único que leva San Xoán no seu nome, e este ano tamén será o único que adiante 24 horas a noite de San Xoán. O único precedente similar ocurriu en 1981 en Cambados, cando Sito Miñanco convenceu ao cura da parroquia para retrasar 24 horas a procesión da Virxe do Carmen, celebrándose por primeira e única vez un día distinto do 16 de xullo. Desta volta os motivos son diferentes, o ano pasado a AC RíoMola organizou a primeira Noite Meiga dentro da Festa da Xuventude na noite de San Xoán cun gran éxito. Este ano asumíu a comisión de festas e tomou a arriscada decisión de celebrar este noite meiga na noite do vindeiro venres 22 de xuño, xa que na noite de San Xoán estaban xa programadas as orquestras e ceas familiares. Polo tanto, este venres encenderase a media noite en San Xoán de Río a fogueira de San Xoán con 24 horas de antelación.

Para quentar motores as actividades comezarán as 21:45h. onde Kike e Nestor (Enrique Dorta Yañez e Néstor Rodríguez González) lanzarán o chupinazo de comezo de festas. Ambas persoas serán homenaxeadas nos minutos previos ao chupinazo na praza do Concello.

A continuación no polideportivo da localidade celebrarase unha cea que ten un custe de 15 euros onde se degustarán, para abrir o apetito, as empanadas de ambas panaderías da localidade, para a continuación, chegada a data onde a sardiña molla o pan, comer as famosas sardiñas de San Xoán á grella. Dado que na zona a xente é de bo comer e para que ninguén quede con fame unha grellada de carne completará os pratos principais, onde costelas, panceta e os famosos criollos da carnicería do Pepe de Castro Caldelas pasarán polas grellas cedidas polo Motoclube Os Esquíos de Trives antes de chegar á mesa dos comensais. Todo esto regado con viño, auga e refrescos. Xa na sobremesa, á parte dos licores a xente degustará a famosa bica das Terras de Trives.

Para baixar o xantar e xa de maneira aberta e de xeito gratuíto, DJ Tibu (speaker do Obradoiro e Club Ourense Baloncesto) fará bailar e divertirse á xente mentres chegan as dúas principais atraccións da noite. Por unha banda a famosa fogueira de San Xoán, e por outra banda a Queimada, cun espectáculo que ninguén pode perderse a cargo de DJ Tibu. A festa alongarase nunha das noites mais curtas do ano ata que saia o sol. E a vantaxe que terá toda a xente que acuda á Noite Meiga de San Xoán de Río, será que cando esperte o día 23 de Xuño, aínda poderá desfrutar doutra noite de San Xoán, algo moi difícil que se repita.

Texto: Xosé Miguel Pérez Blecua.

Artigos relacionados

Back to top button