En portadaÚltima hora

Todo listo para a XXIV Festa das Covas de Vilamartín

Publicidade

 

Conta atrás para a XXIV Festa das Covas de Vilamartín, unha multitudinaria celebración que converte estas antigas adegas subterráneas en escenario dunha convivencia na que se exalta o viño e a gastronomía nun ambiente único. A cita celebrarase este sábado 6 de agosto a partir das 20:30h.

Neste circuíto, que mestura festa e tradición, participarán unhas 45 adegas distribuídas polas rúas O Mazo, Os Barreiros, Mirador, Justino Ferrandiz, O Valadal, O Caño e A Reza. Como en anos anteriores, para facilitar a chegada de público a Vilamartín a organización establecerá un servizo de autobuses.

As entradas, cun prezo de 15 euros, podían mercarse xa online (ataquilla.com) ou ben fisicamente este mesmo 6 de agosto nos dous postos habituais que se instalan na festa. Isto, sempre e cando non se esgoten nesa data, xa que a organización establece un aforo limitado a 4.000 persoas.

Ao inicio do percorrido cada participante recibirá unha cunca de barro e un pano identificativo (que muda de cor cada ano) co que poderá visitar o interior das covas, degustar os seus viños (brancos e tintos) e saborear os diferentes petiscos de cada unha delas. Será nos puntos de venda ao mercar a entrada ou ben, de tela comprado online, amosando o código QR ou outro papel que acredite esa compra. Non faltará tampouco nesta celebración a música, xa que se contará con catro charangas como mínimo que percorrerán as diferentes zonas.

 

 

Arredor da medianoite as covas irán pechando as súas portas e a festa mudará de escenario para trasladarse a outra zona de Vilamartín (pendente de determinar ao peche desta edición). Alí, a partir das 00:30h. actuará a orquestra Fénix e haberá unha discoteca móbil, que se irán turnando ao longo da madrugada.

Esta Festa das Covas será organizada pola Asociación de Coveiros de Vilamartín en colaboración co Concello.

Artigos relacionados

Back to top button