SanidadeÚltima hora

Traballadores do CHUO protestan “polo peche de camas” en Hospitalización

Dende a Xerencia recalcan que se está a confundir “un trámite administrativo de traslados de persoal e acoplamentos internos” cunha suposta redución de prazas ou profesionais
Concentración dos traballadores do CHUO ás portas do Hospital. // Foto: Carlos Asensio.

Centos de traballadores do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense) concentráronse na mañá de hoxe, 12 de xaneiro, na antiga entrada ao Hospital para protestar contra “a redución de 41 a 36 camas das novas unidades de Hospitalización”. Segundo explicou Asunción Maus, Presidenta da Xunta de Persoal da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, “de momento as camas van seguir funcionando porque o hospital está nunha situación de saturación total”. A voceira explicou que “as camas van estar pechadas para a atención ordinaria e só se van abrir en caso de que sexa necesario”, unha medida que cualificou de “inxusta”.

En canto a estas afirmacións, dende o CHUO aseguran que si que hai un incremento de ingresos que se veñen rexistrando dende finais de ano. Neste senso din que “ademais do aumento de camas, que supuxo a apertura do novo edificio de Hospitalización”, din, o Complexo hospitalario “mantén abertas as tres plantas do Materno Infantil”, que quedaron desocupadas co traslado, o que supón 123 camas e 105 profesionais contratados máis para atender á ocupación actual que rolda o 115%, cifran dende o CHUO.

Pero a presidenta da Xunta de Persoal da EOXI asegura que hai un peche de camas e, o que vai provocar é “unha mingua nos postos de traballo nos servizos de atención aos pacientes porque vamos estar de xeito continuado nas unidades de Hospitalización a expensas de que se contrate persoal de reforzo para que atendan a esas camas que se van pechar”, dixo. Asemade, argumentou que se está pondo en xogo a “confortabilidade e a dignidade dos pacientes”.

Neste punto, a Xerencia do CHUO reiterou que “non existe previsión algunha de pechar camas nin reducir persoal”. Nesta liña, dixeron que continuarán “ampliando os recursos para que todo o que precise ingresar o faga nas mellores condicións, atendido polo persoal que sexa necesario”. E reiteran que estase a confundir un trámite administrativo “como a convocatoria de acoplamentos internos ou traslado de persoal dentro do propio hospital, cunha suposta redución de camas ou profesionais” e que, dende a apertura do novo edificio de Hospitalización, “o número de persoal e contratacións aumentaron case un 6%”.

Pero para os que hoxe se concentraban ás portas do Complexo ourensán estas afirmacións non son verídicas xa que, como reza o manifesto que leron ao final da concentración, a Xunta de Galicia fai “un desprezo absoluto” cara á provincia de Ourense en materia sanitaria, e apoiaron as súas verbas asegurando que “seguimos sen hemodinámica 24 horas; non temos máis ca unha terceira parte do servizo de cirurxía pediátrica -algo que xa reclamaran as deputadas Noela Blanco (PSdeG-PSOE), Noa Presas (BNG) e Eva Solla (En Marea) o pasado verán e a plataforma SOS Sanidade Pública- ; temos a poboación máis avellentada de España e non temos Atención Xeriátrica; lista de espera en Atención Primaria dunha semana e as Urxencias saturadas; falta de Atención Especializada nos Hospitais Comarcais e privatización de servizos”.

Por todo isto, anunciaron que o vindeiro luns, 15 de xaneiro, convocarán unha asemblea de traballadores no primeiro andar do Edificio Cirúrxico ás 14:00 horas. Tamén van solicitar unha xuntanza “de carácter urxente”, dixo Asunción Maus, co Conselleiro de Sanidade e coa Xerencia da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button