A VeigaConcellosO BarcoÚltima hora

Traballos de roza e limpeza na OU-121, entre O Barco e Prada (A Veiga)

Comezarán na próxima semana nesta estrada valdeorresa e na OU-540A entre a cidade de Ourense e A Madalena, segundo anuncia a Xunta

 

Na vindeira semana a Xunta ten previsto iniciar os traballos de roza e limpeza en novas estradas de titularidade autonómica das provincias de Ourense, entre elas algunha valdeorresa, e de Lugo. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán estas tarefas nas estradas da provincia de Ourense: OU-540A entre a cidade de Ourense e A Madalena; e na OU-121 no Barco de Valdeorras e Prada. De xeito paralelo, continuarán os labores de roza que se viñan desenvolvendo nas últimas semanas nas vías OU-113, de Verín a Vilar de Barrio; na OU-531B en Celanova; e na OU-801 en Ribadavia e Ponte Barxas.

“As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario. Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas”, segundo informa a administración galega.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Actuacións previstas nas outras tres provincias galegas

Na provincia de Lugo comezarán os traballos de roza na LU-633, en Samos e Triacastela. En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos. Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán os labores de roza e limpeza na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

 

Artigos relacionados

Back to top button