A VeigaConcellosO BarcoÚltima hora

Traballos de roza e limpeza na OU-121 (O Barco-A Veiga), na vindeira semana

Tamén se iniciarán estas actuacións na OU-540, ao seu paso polos municipios de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios, segundo Infraestruturas

 

Na vindeira semana iniciaranse novos traballos de roza e limpeza en tres estradas autonómicas, dúas na provincia de Ourense e nunha da de Lugo. Ao tempo continuarase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias da Coruña e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, comezarán os traballos nas estradas OU-540, ao seu paso polas localidades de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios; así como na OU-121, no Barco de Valdeorras e A Veiga. Proseguirán os labores, ademais, na OU-531, nos municipios de Cortegada, Trasmiras, Celanova, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. No caso da provincia de Lugo, están programados o inicio dos traballos na estrada LU-530, en Lugo e Castroverde.

“As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario”, segundo informa a Consellería de Infraestruturas.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas. “As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil”, segundo Infraestruturas.

Artigos relacionados

Back to top button