En portadaÚltima hora

Tradición, gastronomía e música na XIX Mostra de Aceite de Quiroga

A localidade de Bendilló acollerá o 12 de maio esta celebración, declarada festa de interese turístico galego
Demostración da elaboración tradicional de aceite no muíño de Bendilló (Quiroga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

O vindeiro domingo 12 de maio a Mostra do Aceite de Quiroga cumprirá dezanove anos. O seu programa iniciarase na localidade de Bendilló ás 11:30h. con demostracións de elaboración artesanal de aceite no antigo muíño de Bendilló.

Ademais, ao longo da xornada poderán probarse e mercarse os aceites de cinco colleiteiros da zona (Pedro Soto, José Manuel López, Jesús Bao, Jesús Arias e Manuel Mondelo) no recinto feiral, instalado moi preto do muíño. Para poder participar, o Concello de Quiroga esixíalles aos produtores contar cunha colleita mínima de 200 litros e abonar 100 euros de inscrición ou facilitar a cantidade equivalente en aceite.

Na mostra tamén se venderán outros produtos típicos de Quiroga como mel, licores ou marmeladas, xunto con artesanía. Ás 11:30h. actuará o grupo O Recanto e ás 12h. celebrarase unha cata comentada dos aceites participantes na mostra na Capela das Farrapas.

As persoas que visiten a feira terán a oportunidade desfrutar con diversas actuacións de formacións locais de baile e de música tradicional galega a partires das 12:45h. A primeira delas será a do grupo de gaitas O Recanto e logo virá a do grupo de danza San Martiño. Finalmente, ás 14:30h. volverá a soar a música do Recanto.

Artigos relacionados

Back to top button