DeportesSen categorizarÚltima hora

Trail “Ribeira Sacra”, 50 quilómetros entre deporte, historia e natureza

A proba vaise desputar o 1 de outubro percorrendo lugares emblemáticos de Nogueira de Ramuín como o Miradoiro de Moura, o Mosteiro de Santo Estevo ou o Castro de Moura
Artur Yuste, Rosendo Fernández, Diego Novelle e César Parente.

Os afeccionados ao deporte e a montaña teñen unha cita ineludible o día 1 de outubro na segunda edición do “Trail Ribeira Sacra”, un evento deportivo que ofrece aos participantes dous posibles traxectos: un mini-trail de 24 quilómetros e un trail cun percorrido de 50 quilómetros.

A presentación desta proba deportiva tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente; o presidente do Club Grupo Cuevas, Diego Novelle; e o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste.

A proba será cronometrada e competitiva, quedando rexistrados os tempos de paso dos participantes nas dúas probas. En canto aos trofeos haberá “para os tres primeiros clasificados na categoría masculina e feminina das dúas distancias. De modo especial ao corredor máis lonxevo e ao club con máis participantes”, explicou o presidente do Club Grupo Cuevas, Diego Novelle na presentación de hoxe, 18 de setembro, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

A primeira edición do Trail Ribeira Sacra reuniu a 300 corredores e 50 acompañantes, procedentes de 12 provincias españolas e tres rexións portuguesas. Os interesados en participar na segunda edición desta proba poderán inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com, ata o día 20 de setembro.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, dixo na presentación de hoxe, 18 de setembro, que esta proba aglutina “deporte, historia e natureza en estado puro e transcorre por unha das contornas de maior beleza de Galicia, a Ribeira Sacra, candidata a ser Patrimonio da Humanidade”. Ademais, o vicepresidente destacou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos deportivos que contribúen a “dinamizar o territorio e os recursos da nosa provincia, neste caso, do Concello de Nogueira de Ramuín”.

Pola súa banda, o director xeral do Grupo Cuevas dixo que “ao longo dos 150 anos da empresa, defendemos sempre que o que realmente nos importa é o noso entorno, o cal demostramos implicando a nosa empresa na sociedade, buscando os piares que fortalecen a nosa convivencia e potenciando a innovación e o esforzo”. Pola súa parte, o alcalde de Nogueira de Ramuín animou a asistir a este evento e a coñecer “as fermosas paraxes que ofrece o noso municipio”, e destacou a importancia da “cooperación público e privada para poder desenvolver este tipo de iniciativas”.

Artigos relacionados

Back to top button