OurenseÚltima hora

Trala súa edición en Brasil,Termatalia regresa este ano a Ourense

A Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar celebrarase os días 19 e 20 de setembro en Expourense

Trala celebración da 4ª edición en América Latina, Termatalia regresa este ano a Ourense convertida no “foro e punto de confluenza dos axentes que traballan no desenvolvemento do termalismo a nivel mundial”, aseguran dende Expourense.

A 19ª edición da Feria Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, celebrarase os días 19 e 20 de setembro e convocará a profesionais de máis de 25 países. “Consolidado o papel de ponte termal entre Europa e América Latina, Termatalia dá un paso máis e amplía o seu radio de acción incorporando os mercados de Oriente Próximo e Asia Pacífico”, explican dende a organización. Isto supón unha rede de 27 delegacións en 55 países de 4 continentes, o que contribúe a xerar “novas oportunidades entre os axentes integrados na rede estratéxica de Termatalia, que é altamente especializada neste nicho de mercado”.

A presentación tiña lugar na tarde do 24 de xaneiro en FITUR (Madrid) nun acto que contou coa participación do secretario xeral adxunto da Organización Mundial de Turismo (OMT), o colombiano Jaime Alberto Cabal, que destacou o apoio ao turismo de saúde e, polo tanto ás feiras que o promoven e entre as que destaca a nivel mundial Termatalia, “unha cita que serviu para unir a Iberoamérica con Europa”. Participaron tamén a ministra de Turismo de Ecuador, Rosi Prado; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o vicepresidente do Clúster de Turismo de España, Miguel Mirones; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e os secretarios de Turismo de Santiago del Estero en Arxentina, Ricardo Sosa, e de Iguaçu en Brasil, Gilmar Piolla. Tanto Ricardo Sosa como Gilmar Piolla incidiron no feito de que na historia do desenvolvemento do turismo termal dos seus respectivos lugares “hai un antes e un despois da celebración de Termatalia neles”.

Durante este acto, o director de Termatalia Alejandro Rubín, destacou unha vez máis os grandes valores da feira que a posicionan a nivel mundial: “o capital relacional, o coñecemento e o negocio”.

 

Artigos relacionados

Back to top button